Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO destaca que o paro baixa en Galicia máis que na media estatal, pero advirte que a metade do novo emprego é fráxil

    CCOO considera positiva a evolución do mercado laboral galego en xuño, cun descenso do paro e un incremento da afiliación superiores aos rexistrados no conxunto do Estado. Porén, o sindicato advirte de que a creación de emprego é fráxil e continúa sustentándose en boa medida na contratación estacional e en sectores de menor valor engadido, o que dificulta consolidar emprego estable e de calidade. Concretamente, de cada dez novos empregos creados nos réximes xeral e de autónomos, cinco son na hostalería e no comercio.

    02/07/2026.
    O paro rexistrado reduciuse no mes de xuño, pero o emprego creado é fráxil

    O paro rexistrado reduciuse no mes de xuño, pero o emprego creado é fráxil

    Os datos coñecidos hoxe indican que en xuño se reduciu o paro rexistrado en 3587 persoas en Galicia (–3,3 %), e a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, experimenta unha suba de 5412 afiliados e afiliadas (+0,5 %). Considerando os datos da afiliación media mensual, sobe en 11 166 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior (+1 %).

    Por outra banda, o mercado laboral galego ten unha mellor evolución que a media estatal, tanto en termos de maior redución do desemprego como no maior incremento do emprego. Por isto, CCOO fai unha avaliación positiva, se ben matiza que as cifras «reflicten os efectos habituais desta época», sinala a súa secretaria de Emprego, Maica Bouza.

    «Os datos son positivos e confirman que Galicia reduce o paro e crea emprego por riba da media estatal, pero cómpre avaliar tamén a calidade dese emprego», matiza a sindicalista. «A contratación indefinida segue moi por baixo da media do Estado: aquí só 29 de cada 100 contratos son indefinidos, fronte aos 41 de cada 100 no conxunto estatal».

    Esta diferenza «pon de manifesto as limitacións da nosa estrutura produtiva», conclúe Bouza, pois «a metade do emprego creado concéntrase na hostalería e no comercio, mentres continúa sendo insuficiente a creación de emprego na industria e nos servizos de alto valor engadido, que son os sectores que poden ofrecer postos de traballo máis estables e de maior calidade».

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 43 514 homes (1811 menos que en maio) e 62 254 mulleres (1776 menos que no mes anterior). Seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres a pesar da boa evolución do desemprego. Atendendo ás idades, hai 4448 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (304 menos que en maio) e 101 320 maiores desa idade (3283 menos).

    O paro diminúe en todos os sectores de actividade: no primario hai 170 persoas desempregadas menos (–5,3 %), na industria 298 (–2,9 %), na construción 196 (–3 %) e 3272 nos servizos (–4,2 %). O colectivo sen emprego anterior cae en 349 persoas.

    Análise da contratación

    En xuño rexistráronse en Galicia 81 340 contratos, dos que 57 356 foron temporais e 23 984 indefinidos. O volume de contratos rexistrados foi superior nun 38,3 % aos formalizados no mes precedente: a contratación indefinida sobe un 33,2 %, mentres que a temporal o fai nun 40,6 %. De cada 100 contratos rexistrados, 29 son indefinidos. Malia que a contratación indefinida medra máis que no Estado e a temporal menos, a porcentaxe estatal de contratación indefinida segue 12 puntos por riba da galega.

    Coma sempre, atopamos luces e sombras: o paro e a afiliación teñen unha mellor evolución en Galicia que no conxunto do Estado. O problema está no emprego creado: na súa calidade e nas actividades en que se concentra. En Galicia, 29 de cada 100 empregos son indefinidos; no Estado, 41 de cada 100. Ao mellor o problema está na nosa estrutura produtiva: nun modelo co que non se crea emprego abondo nos sectores industrial e de servizos de alto valor engadido e o 50 % do emprego creado está na hostalería e no comercio.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 5412 persoas, ata situarse en 1 119 912 afiliados e afiliadas, rexistrando un incremento do 0,5 % respecto do mes anterior.

    A afiliación media mensual aumenta en 11 166 persoas, o que sitúa o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 123 034. Deste total, 900 508 corresponden ao réxime xeral, 205 070 ao de autónomos e 17 455 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia increméntase nun 1 %.

    Nos réximes xeral e agrario, a afiliación media increméntase en 10 823 afiliados e afiliadas máis no último mes, dos cales un 29,3 % corresponden á hostalaría, un 22,6 % ao comercio, un 20,5 % á Administración pública, un 13,6 % á sanidade, un 8,6 % a actividades administrativas e un 5,9 % á industria manufactureira. Pola contra, a afiliación na educación cae un 2,1 %, isto é, 1470 empregos menos.

    Prestacións por desemprego

    Canto ás prestacións por desemprego, o último dato —do mes de maio— indica que cobraron algún tipo de prestación 77 885 persoas. Deste total, son 37 173 prestacións contributivas e 40 712, subsidios.

    Por último, en relación cos ERTE do mes de xuño, hai que sinalar que este mecanismo daba cobertura a 383 persoas a final do mes, das cales 283 estaban en ERTE ETOP e 139 en ERTE de forza maior. Do total de persoas acollidas a este mecanismo, 244 eran homes e 139 mulleres.