Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

Continúa a folga indefinida en BorgWarner tras fracasar a mediación no AGA

    A folga indefinida convocada no centro de traballo de BorgWarner, no Porriño, continúa tras rematar sen acordo a mediación desenvolvida no AGA, o acordo galego para a resolución extraxudicial de conflitos.

    03/07/2026.
    Folga do persoal de BorgWarner fronte aos incumprimentos da empresa

    Folga do persoal de BorgWarner fronte aos incumprimentos da empresa

    O comité de empresa, no que CCOO ten representación, decidiu manter a convocatoria ao considerar insuficiente a proposta presentada pola dirección, que non resolve as principais reclamacións do cadro de persoal.

    A reunión de mediación contou coa presenza de responsables de Recursos Humanos, da dirección do centro eMARC de BorgWarner e da vicepresidencia de Enxeñaría. Durante a xornada, a empresa limitouse inicialmente a expor as consecuencias da folga sen trasladar medidas concretas para desbloquear o conflito.

    Co obxectivo de facilitar un acordo, a representación social elaborou e entregoulle á empresa un documento co conxunto das súas reivindicacións. Porén, a resposta empresarial foi parcial e insuficiente. Malia a petición expresa do comité para que os compromisos quedasen recollidos por escrito, a dirección abandonou a mediación sen presentar unha proposta que dese resposta ás cuestións esenciais.

    Cuestións sen resolver

    Entre as cuestións que continúan sen resolverse figura a absorción de conceptos salariais aplicada ao persoal técnico que promocionou de categoría profesional, unha práctica que incumpre o acordado anteriormente no propio AGA.

    O comité tamén denuncia que a empresa segue sen garantir a aplicación efectiva do sistema de clasificación profesional previsto no convenio colectivo, imprescindible para recoñecer as funcións realmente desempeñadas, ordenar as categorías e asegurar a promoción profesional.

    Do mesmo xeito, a proposta empresarial non prevé o aboamento das reclamacións derivadas dos procedementos de cambio de categoría nos que se incumpriron os prazos e garantías establecidos.

    No que respecta ao centro eMARC de BorgWarner —dedicado a actividades de enxeñaría e desenvolvemento—, a dirección pretende limitar a negociación a un período de consultas de tres días e centrala exclusivamente na prevención de riscos laborais, deixando fóra o resto das cuestións pendentes. Ademais, retirou o plan colectivo de mobilidade presentado o día anterior, sen ofrecer unha alternativa.

    Durante a mediación, a empresa condicionou tamén a retirada da folga á reincorporación inmediata do persoal aos seus postos de traballo. O comité rexeitou esta esixencia por entender que non existen garantías suficientes de que as reivindicacións vaian ser atendidas.

    Falta de vontade negociadora

    CCOO considera que o conflito evidencia a falta de vontade negociadora da dirección de BorgWarner e lembra que o cadro de persoal leva meses reclamando solucións para cuestións que afectan directamente ás condicións laborais, á carreira profesional e aos dereitos económicos do persoal.

    Mentres non exista unha proposta que dea resposta ás reivindicacións formuladas, a folga continuará. O comité de empresa reitera a súa disposición ao diálogo, mais insiste en que a negociación debe desenvolverse con compromisos concretos e verificables, e non mediante ultimatos nin formulacións que deixen sen resolver os problemas de fondo.