Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

Amelia Pérez reafirma o compromiso internacionalista de CCOO na presentación da Asociación Palestino-Galega Falastin

    A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, participou este sábado na presentación da Asociación Palestino-Galega Falastin, celebrada no Hotel Araguaney de Santiago de Compostela. O acto reuniu representantes de organizacións sociais, sindicatos, partidos políticos e institucións para amosar o seu apoio ao pobo palestino.

    06/07/2026.
    Fotografía de arquivo dunha mobilización de apoio ao pobo palestino

    Fotografía de arquivo dunha mobilización de apoio ao pobo palestino

    Falastin nace coa vontade de converterse nun referente para artellar e coordinar as iniciativas de solidariedade coa causa palestina en Galicia. A asociación está presidida polo médico e activista Mohamed Safa, quen durante a presentación reivindicou a esperanza como un acto de resistencia e puxo en valor a defensa da identidade e dos dereitos do pobo palestino.

    Amelia Pérez destaca que o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia estaba convidado a participar «e, evidentemente, alí estivemos, acompañando a toda a comunidade palestina en Galicia, reafirmando o noso compromiso e solidariedade co pobo palestino».

    A secretaria xeral de CCOO pon o foco no valor simbólico do lugar escollido para a constitución da asociación, o Hotel Araguaney, «fundado en 1985 por un palestino residente en Galicia, Ghaleb Jaber Ibrahim», que fixo del «unha ponte entre Galicia e o mundo árabe».

    CCOO, coa paz e o dereito internacional

    A secretaria xeral de CCOO reafirma o compromiso do sindicato coa defensa da paz e do dereito internacional, «para que non sexa papel mollado». Comisións Obreiras reclama «a fin da guerra, a fin da ocupación israelí e a fin do xenocidio», así como «o xuízo e o cárcere para os xenocidas israelís».

    Solidariedade sindical

    A secretaria xeral incide tamén no carácter internacionalista da solidariedade sindical. «A nosa solidariedade, que non é caridade, é un principio político internacionalista e inquebrantable do pobo galego».

    Por último, agarda que Falastin sexa un novo espazo de encontro entre ambos os dous pobos. «A constitución desta entidade, Falastin, amosa que a ponte entre Galicia e Palestina, entre Santiago e Ramallah, non é de asfalto, senón de memoria compartida, de cultura e de dignidade obreira», conclúe.