Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO convoca dúas xornadas de folga en todo o comercio galego contra a apertura en domingos e festivos

    CCOO-Servizos convoca dúas xornadas de folga en todo o comercio galego os vindeiros 26 de xullo e 15 de agosto para rexeitar a apertura dos establecementos en domingos e festivos. Tamén reclama un cambio nas condicións laborais dun sector marcado pola precariedade e as dificultades para conciliar a vida laboral e persoal.

    07/07/2026.
    CCOO convoca dúas xornadas de folga contra a apertura do comercio en domingos e festivos

    CCOO convoca dúas xornadas de folga contra a apertura do comercio en domingos e festivos

    A convocatoria dá continuidade ás advertencias realizadas polo sindicato desde hai varios meses, avisando do incremento das mobilizacións se non se producían avances reais nas condicións de traballo. Miles de persoas traballadoras do comercio continúan soportando salarios baixos, xornadas parciais impostas e unha dispoñibilidade permanente que non recibe compensación.

    Ao tempo, consolídase a apertura en domingos e festivos como unha práctica que limita o dereito ao descanso e dificulta gravemente a conciliación da vida persoal e familiar. A este respecto, CCOO afirma que traballar cando a maior parte da sociedade descansa «non pode converterse na norma», especialmente porque esta situación compromete gravemente a conciliación e prexudica maioritariamente as mulleres.

    Baixo o lema «Esiximos tempo para vivir», o sindicato fai un chamamento á participación nas dúas xornadas de folga como unha defensa colectiva de dereitos básicos como son o descanso, a conciliación e un emprego de calidade.

    As traballadoras e traballadores sosteñen o sector

    CCOO subliña que o funcionamento do comercio «depende do traballo das persoas que cada día sosteñen a actividade do sector» e considera que «chegou o momento» de reclamar un modelo máis respectuoso cos seus dereitos laborais e coa súa vida persoal.

    O sindicato anima as traballadoras e traballadores do comercio galego a secundar a folga os días 26 de xullo e 15 de agosto e a participar nas accións de mobilización que se convoquen con motivo destas dúas xornadas de protesta.