Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO participou no lanzamento do novo Plan de Actividades 2026-2028 do EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia participou o luns, 6 de xullo, na reunión de lanzamento do novo Plan de Actividades 2026-2028 do EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal. A xuntanza tivo lugar na Oficina de Coordinación de Valença do Minho e contou coa presenza do secretario de Internacional de Comisións Obreiras, Carlos Pérez.

    07/07/2026.
    Primeiro pola dereita, Carlos Pérez, representante de CCOO na reunión do EURES en Valença

    Primeiro pola dereita, Carlos Pérez, representante de CCOO na reunión do EURES en Valença

    O encontro, presidido polo subdirector xeral do Servizo Público de Emprego de Galicia, serviu para dar inicio ao desenvolvemento do novo proxecto, cun período de execución de vinte e catro meses, que comezou o pasado 1 de abril.

    Durante a reunión presentouse o Plan de Actividades para o período 2026-2028, definíronse as responsabilidades das entidades socias e analizouse a distribución do orzamento asignado a cada unha delas. A xornada permitiu tamén facer balance do exercicio anterior e revisar os procedementos de execución e xustificación das actuacións previstas nesta nova etapa.

    CCOO é unha das organizacións participantes neste proxecto —financiado pola Comisión Europea con case 840 000 euros —, no que tamén toman parte a Xunta de Galicia, o Instituto do Emprego e Formação Profissional de Portugal, organizacións empresariais, institucións académicas e entidades de cooperación territorial de Galicia e do Norte de Portugal.

    A rede EURES Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal naceu en 1997 co obxectivo común das entidades públicas, sindicais, empresariais e universitarias implicadas de mellorar a situación do mercado laboral da Eurorrexión e crear un sistema estable de colaboración entre servizos públicos de emprego e axentes económicos e sociais. Dende entón converteuse en referencia para traballadores, empresas e persoas desempregadas que buscan información sobre dereitos e oportunidades ligadas á mobilidade laboral transfronteiriza.