Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

CCOO denuncia o fracaso do fondo de compensación do amianto e reclámalle ao Goberno que deixe de abandonar as vítimas

    CCOO denuncia que os últimos datos feitos públicos polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións sobre o funcionamento do fondo de compensación para as vítimas do amianto evidencian o «fracaso» deste instrumento.

    09/07/2026.
    Durante décadas, o amianto foi un material amplamente utilizado en diversos sectores. Na fotografía, planchas de fibrocemento.

    Durante décadas, o amianto foi un material amplamente utilizado en diversos sectores. Na fotografía, planchas de fibrocemento.

    Segundo os datos actualizados o 6 de xullo, desde a entrada en vigor do fondo —18 de setembro do 2025—, unicamente foron indemnizadas 97 vítimas, «deixando fóra a inmensa maioría das persoas afectadas», denuncia CCOO.

    Á luz das cifras, o sindicato coida «urxente» modificar o Real decreto 483/2025, do 17 de xuño, que regula este instrumento, porque «non respecta o espírito» da lei que creou o fondo, cuxa finalidade é resarcir a todas as vítimas do amianto, «sen excepcións, con indemnizacións equiparables ás recoñecidas pola vía xudicial», matiza CCOO.

    CCOO considera «incomprensible» que o Goberno español continúe ignorando unha reivindicación compartida por institucións e colectivos de todo o Estado, incluso da súa mesma cor política, como a Generalitat de Catalunya, que o mes pasado aprobou unha lei para a erradicación do amianto e, ademais, pediu perdón publicamente ao conxunto das vítimas deste material.

    Por todo isto, CCOO reclama a modificación do Real decreto 483/2025 para adaptalo ao espírito e ao mandato da lei, garantindo que todas as vítimas do amianto poidan acceder ás indemnizacións previstas e que estas sexan acordes coas recoñecidas polos tribunais.