Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

CCOO denuncia ante a Inspección de Traballo unha posible cesión ilegal de persoas traballadoras na CSAG

    O Sector estatal de Medios de Comunicación de CCOO presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo para que investigue unha posible cesión ilegal de persoas traballadoras entre a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) e a produtora Papaventos, responsable do programa O Termómetro.

    09/07/2026.
    Fotografía de arquivo dunha xornada de folga do persoal da CSAG contra a manipulación informativa e a externalización do contido de produción propia.

    Fotografía de arquivo dunha xornada de folga do persoal da CSAG contra a manipulación informativa e a externalización do contido de produción propia.

    A actuación forma parte dunha campaña impulsada polo sindicato contra as prácticas irregulares vinculadas á crecente externalización da produción de contidos audiovisuais, incluídos os informativos, nas radiotelevisións públicas.

    Esta denuncia dá continuidade ás reiteradas advertencias formuladas por CCOO sobre o progresivo desmantelamento da produción propia na CSAG —a antiga CRTVG—. Xa en setembro do 2024, coincidindo coa estrea d’O Termómetro, a sección sindical lamentaba a fin do histórico programa A Revista, realizado durante máis de vinte anos por persoal propio da Corporación, e a súa substitución por un programa de produción externa.

    Naquel momento advertíase de que, por vez primeira, produtoras externas achegaban ou contrataban a dirección do programa, guionistas, xornalistas, presentadoras, persoal de produción, vestiario e xestión de pantallas, mentres a CSAG asumía unicamente a parte técnica da realización, iluminación e son e puña as súas instalacións a disposición de persoal alleo. Xa daquela, cualificábase a situación como susceptible de incorrer nunha cesión ilegal de persoas traballadoras.

    Desde entón, a sección sindical de CCOO na CSAG denunciou en numerosas ocasións a crecente externalización de espazos informativos. Un dos casos máis significativos produciuse en abril do 2025, cando a cobertura da morte do papa Francisco foi asumida inicialmente polo persoal dos servizos informativos, pero acabou sendo encomendada durante a tarde ás produtoras responsables d’O Termómetro.

    Segundo recolle a denuncia presentada agora na Inspección, podería estarse producindo unha cesión ilegal de persoal de empresas privadas cara a empresas públicas, vulnerando os artigos 15 e 43 do Estatuto das Persoas Traballadoras. En moitos destes casos, as traballadoras e traballadores das produtoras privadas desenvolven o seu labor en instalacións públicas, empregando os seus equipos e baixo as instrucións destas.

    CCOO denuncia tamén que os cadros de persoal das produtoras privadas están sometidos ao III Convenio colectivo da industria da produción audiovisual, na súa rama técnica —BOE número 85, do 6 de abril de 2024—, que establece condicións laborais e salariais sensiblemente inferiores ás das persoas traballadoras das empresas públicas coas que comparten a produción dos programas. Esta situación supón, na práctica, a utilización de man de obra máis barata e un agravio comparativo que o sindicato cualifica de «inaceptable».

    Presentadas cinco denuncias en todo o Estado

    A denuncia que atangue á CSAG forma parte dunha campaña estatal coa que o Sector de Medios de CCOO pretende poñer en coñecemento da Inspección de Traballo un conxunto de irregularidades detectadas nas empresas de produción subcontratadas polas radiotelevisións públicas. Ademais da posible cesión ilegal de persoas traballadoras, as denuncias tamén sinalan incumprimentos relacionados co rexistro horario, o impagamento de complementos vinculados ao posto de traballo ou as modificacións da xornada, o traballo en fins de semana, o chamamento do persoal fixo descontinuo e os excesos de xornada e horas extraordinarias non remuneradas, entre outras cuestións.

    Ao abeiro desta campaña presentáronse un total de cinco denuncias que afectan á CSAG e á produtora Papaventos (O Termómetro); á CMM e á produtora Indaloymedia (En Compañía); a À Punt e á produtora Tres Sistemas de Comunicación; a RTVM e ás produtoras Broadcasting Media Company Project e Sëptima Suma; e a RTVE e á produtora La Cometa TV (Mañaneros 360).

    Convenio bloqueado

    CCOO lembra, ademais, que a patronal da industria audiovisual mantén bloqueada, por absoluta inacción, a negociación do novo convenio colectivo do sector, no que deben abordarse cuestións como a clasificación profesional e a actualización salarial para 2027 e 2028. O sindicato considera que esta parálise agrava un marco regulador que, en numerosas ocasións, é interpretado de forma interesada polas empresas para reducir custos e incrementar beneficios, unha situación que «podería desembocar nun outono marcado polas mobilizacións e as protestas do sector», conclúen desde o Sector de Medios de Comunicación.