Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

CCOO rexeita o convenio das residencias privadas por destruír a escala salarial e deixar fóra dereitos fundamentais

    A Federación de Sanidade de CCOO non asinou o convenio colectivo galego de residencias privadas da terceira idade para os anos 2024, 2025 e 2026. O sindicato considera que o texto pactado por CIG e UGT coa patronal «destrúe a estrutura do convenio» e «deixa fóra melloras sociais imprescindibles» para dignificar as condicións laborais do sector.

    10/07/2026.
    Residencia DomusVi en Monforte de Lemos | Foto: Google Street View

    Residencia DomusVi en Monforte de Lemos | Foto: Google Street View

    Aínda que o acordo incorpora a actualización salarial derivada da adaptación ao salario mínimo interprofesional (SMI), CCOO sostén que esa circunstancia non xustifica avalar un texto que, ao seu xuízo, supón «un retroceso» na ordenación profesional e nos dereitos das persoas traballadoras.

    Entre os motivos da súa negativa, o sindicato destaca, en primeiro lugar, a «destrución da escala salarial». Segundo explica, o convenio «elimina a diferenza retributiva real entre as distintas categorías profesionais, igualando por abaixo tres grupos enteiros». Isto provoca que postos con diferentes niveis de titulación, esixencia e responsabilidade perciban o mesmo salario base. Por exemplo, unha auxiliar administrativa e unha oficial administrativa «pasarán a cobrar exactamente o mesmo salario base».

    Esquecemento dos dereitos sociais

    CCOO-Sanidade tamén critica o «esquecemento dos dereitos sociais esenciais». En concreto, denuncia que o acordo «pasa por alto as demandas máis urxentes dos cadros de persoal» e «deixa completamente fóra a redución da xornada anual e a mellora da cobertura da incapacidade temporal por continxencias comúns». Para o sindicato, «avanzar en conciliación e saúde laboral é inaprazable».

    Malia non subscribir o acordo, CCOO continuará participando na negociación colectiva do sector, comezando polo próximo convenio, onde esixirá «unha redución real da xornada, unha cobertura xusta da IT, os pluses e a recuperación dunha estrutura salarial digna».