Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

Os sindicatos chaman a secundar as mobilizacións no transporte de mercadorías da provincia da Coruña

    CCOO, xunto con CIG e UGT, desenvolveu este xoves unha nova xornada de folga e mobilización no polígono da Grela, na Coruña, para denunciar o bloqueo da negociación do convenio colectivo provincial do transporte de mercadorías por estrada e esixirlle á patronal que retome as negociacións coa vontade de alcanzar un acordo que dea resposta ás demandas das persoas traballadoras.

    10/07/2026.
    Concentración de persoal do transporte de mercadorías no polígono da Grela, na Coruña (9/7/2026)

    Concentración de persoal do transporte de mercadorías no polígono da Grela, na Coruña (9/7/2026)

    CCOO lembra que en agosto de 2025 as partes alcanzaron un acordo para garantir a actualización salarial dese ano, co compromiso de abrir a continuación unha negociación dun convenio plurianual que incorporase, ademais das cuestións retributivas, melloras na xornada, na remuneración do traballo nocturno, do traballo en domingos, do tempo de presenza e nas condicións laborais do persoal de almacén e administración.

    Porén, o sindicato denuncia que a patronal «pretende non abordar moitas desas cuestións» e rexeita asumir calquera garantía de mantemento do poder adquisitivo dos salarios, malia o contexto de incremento dos prezos.

    Tras meses de negociación, a oferta empresarial para 2026 supón unha suba salarial «mesmo inferior ao IPC interanual», limitada unicamente ao salario base, sen actualización do resto dos conceptos retributivos e con efectos desde o asinamento do convenio, en lugar de aplicarse con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro.

    Para CCOO, esta proposta é «inaceptable» porque non permite recuperar a perda de poder adquisitivo acumulada polo persoal do sector nin mellora unhas condicións laborais que levan anos deteriorándose.

    O sindicato advirte de que ás duras condicións de traballo propias do transporte de mercadorías se suman uns salarios que «hai tempo que deixaron de atraer novas persoas traballadoras», unha situación que dificulta a incorporación de profesionais e compromete o futuro do sector.

    CCOO reafirma o seu compromiso coa defensa dun convenio que garanta salarios dignos, melloras reais nas condicións de traballo e mecanismos que permitan preservar o poder adquisitivo das persoas traballadoras, e fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas ata conseguir un acordo xusto.

    Próxima mobilización, o 16 de xullo

    As organizacións sindicais convocan unha nova mobilización para o vindeiro xoves, 16 de xullo, ás 11:00 horas, no polígono do Tambre, en Santiago de Compostela, co obxectivo de manter a presión sobre a representación empresarial e desbloquear unha negociación que continúa sen avances.