Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

CCOO logra a maioría absoluta nas eleccións sindicais de Celtic Stores

    Compartimos unha gran noticia: logramos un resultado histórico nas eleccións sindicais de Celtic Estores (compañía do grupo Bandalux en Moraña).

    12/07/2026.
    Representación de CCOO en Celtic Estores

    Representación de CCOO en Celtic Estores

    Celtic Estores, compañía do grupo Bandalux e situada entre as trinta primeiras empresas da provincia de Pontevedra por facturación, celebrou as súas eleccións sindicais cun resultado que permite a CCOO obter a maioría absoluta no comité de empresa.

    Nun proceso marcado, segundo denuncia a central sindical, por prácticas empresariais que xa foron obxecto de condena polos Xulgados do Social de Pontevedra, CCOO superou un escenario que cualifica de especialmente desigual. A organización asegura que a dirección chegou a intervir na confección das candidaturas doutras forzas sindicais e a favorecer a actividade sindical durante a xornada laboral de determinados candidatos.

    No novo reparto de representación, CCOO obtivo 92 votos e 6 delegados e delegadas; UGT acadou 24 votos e 1 representante, e CIG conseguiu 15 votos e 1 delegado no colexio de especialistas. Ademais, UGT revalidou 1 representante no colexio de técnicos. A composición do comité queda así cunha clara maioría para CCOO, fronte á anterior, na que a organización contaba con 4 representantes, UGT con 3 e CIG con 2.

    A central sindical vincula este resultado á actividade reivindicativa desenvolvida durante o anterior mandato e ao incremento da afiliación. Así mesmo, considera que os resultados electorais constitúen unha advertencia á empresa para que revise de maneira substancial a súa política laboral.

    Entre as principais reivindicacións, CCOO denuncia que, dos 152 traballadores e traballadoras de produción, só o 5 % ten a categoría de oficial, mentres que a maioría cobra como operario malia desempeñar funcións propias dun nivel profesional superior. Por iso, a organización advirte de que non aceptará a continuidade dun modelo que considera lesivo para o persoal e orientado unicamente ao incremento dos beneficios empresariais.