Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

CCOO-Hábitat cualifica de «histórico» o asinamento do protocolo sobre violencia externa no SAF

    CCOO-Hábitat cualifica de «histórico» o protocolo sobre violencia externa no servizo de axuda no fogar (SAF). A sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) acolleu este martes o acto de asinamento do documento, que contou con case todas as entidades implicadas. Unicamente houbo que lamentar a ausencia da Consellaría de Política Social, que deste xeito ficou á marxe da formalización do acordo.

    14/07/2026.
    Asinantes do protocolo sobre violencia externa no SAF

    Asinantes do protocolo sobre violencia externa no SAF

    O documento foi subscrito, pola parte social, polos sindicatos Comisións Obreiras, CIG, CSIF e UGT; polas asociacións empresariais galega e estatal; polo Colexio Oficial de Traballo Social, polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e pola FEGAMP.

    CCOO-Hábitat destaca que o protocolo nace tamén co compromiso das partes de promover cambios normativos na lexislación da dependencia e de impulsar o relanzamento da negociación do convenio colectivo do sector.

    Para CCOO-Hábitat, resulta «especialmente decepcionante» a ausencia de Política Social ás portas do primeiro aniversario do feito tráxico que motivou o documento —o asasinato de Teresa, traballadora do SAF do Porriño, a mans do marido dunha persoa usuaria.

    Por último, desde o sindicato apuntan que a decisión de non ratificar o documento «supón dar as costas non só ás traballadoras do SAF, senón tamén ao amplo consenso logrado por un sector que foi quen de traballar de maneira conxunta durante un ano para facer posible que este protocolo vexa hoxe a luz».