Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Setembro 2026.

As mobilizacións contra o ERE de Concentrix continúan tras a segunda xornada de protestas este mércores

    A segunda xornada de mobilizacións contra o ERE de Concentrix desenvolveuse este mércores cunha concentración diante da Delegación do Goberno na Coruña e cunha xornada de folga convocada polo comité de empresa, integrado por CCOO, CIG, UGT e CGT. A representación das persoas traballadoras reclama a retirada do expediente e a procura de alternativas que eviten a destrución de emprego.

    15/07/2026.
    Concentración do persoal de Concentrix diante da Delegación do Goberno na Coruña (15/7/2026)

    Concentración do persoal de Concentrix diante da Delegación do Goberno na Coruña (15/7/2026)

    O comité denuncia que o proceso responde á estratexia de Microsoft de reducir persoal e derivar parte da atención ás persoas usuarias cara á autoxestión e á intelixencia artificial. Ademais, na última reunión do período de consultas, a empresa confirmou que o vindeiro 31 de agosto rematará outra campaña no centro da Coruña, o que podería supor a destrución doutros 80 postos de traballo, polo que o número de empregos afectados ascendería a 160.

    Para a representación sindical, este ERE non é un feito illado nin unha decisión inevitable, senón que forma parte dunha «dinámica global de redución de persoal» impulsada por Microsoft e que repercute nas empresas que lle prestan servizo. Esta estratexia ten un impacto directo tanto sobre o emprego como sobre a calidade da atención ás persoas usuarias, xa que Microsoft está derivando cada vez máis a resolución de incidencias cara á autoxestión e á intelixencia artificial, en detrimento da atención prestada por persoas.

    O proceso negociador continuará mañá cunha nova reunión entre a dirección da empresa e a representación legal das persoas traballadoras. O comité acudirá ao encontro coa mesma esixencia: a retirada do ERE e a procura de solucións que eviten a destrución de emprego no centro da Coruña.