Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

CCOO lamenta a «oportunidade perdida» do novo Plan Xeral de Normalización e que a Xunta non aumente o peso do galego no ensino

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) lamenta a «oportunidade perdida» que representa a proposta da Xunta para a actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, presentada hoxe.

    15/07/2026.
    CCOO reclama a volta aos consensos sobre o galego

    CCOO reclama a volta aos consensos sobre o galego

    En particular, coida «inadmisible» que non se toque nada do decreto 79/2010 «do plurilingüismo», de xeito que a presenza do galego no ensino se manteña nos «niveis inaceptables que están a facer estragos» no coñecemento e uso do idioma de noso entre a mocidade. Para o sindicato, o documento parte dun «diagnóstico equivocado» da situación sociolingüística ao relegar o ensino a un papel secundario, cando precisamente é un ámbito «que se debería considerar prioritario».

    Para CCOO, a posición do Executivo autonómico obvia os informes e análises elaborados nos últimos anos por institucións como a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, que coinciden en sinalar a deterioración do coñecemento e o uso do galego entre a mocidade e a necesidade de revisar a política lingüística educativa para reverter esta tendencia.

    Comisións Obreiras, que desde o seu congreso fundacional de 1978 ten o galego como o seu idioma oficial, considera que, se o plan se aproba nestes termos, será unha «oportunidade perdida para deter o devalo da lingua do país». Por iso, chama o Goberno galego a recapacitar e a redactar un novo decreto no ensino que acabe coa situación actual do idioma ou que corrixa as eivas impostas polo actual decreto. «Sen unha mudanza estrutural e profunda neste eido, coidamos que o resto de medidas propostas, por moi ben intencionadas que sexan, van quedar curtas ou mesmo en papel mollado», sinala.

    Esta proposta, que chega con meses de atraso sobre as promesas iniciais, foi elaborada a partir das achegas de ducias de expertos na materia, dos cales o sindicato valora o seu «esforzo e implicación». Tamén afirma que «unha inmensa maioría» dos participantes escollerían aumentar a porcentaxe de materias impartidas en galego e levantar o «absurdo» veto sobre o idioma en materias como as Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía.

    O PP rompeu os consensos

    Ata que o PP regresou á Xunta de Galicia no 2009, as grandes políticas ao redor da lingua conseguiran a unanimidade do Parlamento. Foi o caso do vixente Plan xeral de normalización da lingua galega (2004) e da Lei de normalización lingüística (1983). Por este motivo, CCOO reclama que a Xunta asuma a necesidade dun gran consenso e se abra ás achegas dos grupos da oposición e da sociedade civil. «O galego é patrimonio de toda a sociedade e a súa defensa e promoción debe contar con todas as voces», expón.

    Comisións Obreiras, como parte da plataforma Queremos Galego, participou na presentación dunha iniciativa lexislativa popular co obxectivo de blindar o galego e reverter a emerxencia lingüística. Ese texto lexislativo, derivado do proceso Lingua Vital —no que o sindicato tamén participou—, contén medidas como a derrogación do citado «decreto do plurilingüismo», a exclusividade do galego nos medios públicos ou que se sistematicen os programas lingüísticos específicos para as persoas migrantes, entre outras moitas propostas. CCOO considera que «é ese o camiño que se ha seguir» para garantir unha Galicia en galego nas próximas décadas.