Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

A inscrición do convenio estatal de ARTE desmonta o relato de CIG e UGT e valida o convenio asinado por CCOO

    A Dirección Xeral de Traballo validou as subsanacións realizadas ao I Convenio Colectivo Estatal das Grandes Cadeas do Comercio Téxtil e Calzado (ARTE), acordou a súa inscrición no Rexistro de convenios colectivos e ordenou a súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE). 

    17/07/2026.
    O Ministerio de Traballo valida o convenio e acorda a súa inscrición

    O Ministerio de Traballo valida o convenio e acorda a súa inscrición

    A resolución desmente, deste xeito, as afirmacións de CIG e UGT sobre unha suposta paralización do convenio. Nas últimas semanas, ambas as dúas organizacións difundiron a idea de que o Ministerio de Traballo paralizara ou freara o convenio. Para iso, presentaron un trámite administrativo ordinario de subsanación como se cuestionase o contido do texto negociado e asinado por CCOO.

    A resolución da autoridade laboral acredita agora que as cuestións formuladas durante a tramitación foron correctamente atendidas pola comisión negociadora. Como consecuencia, acórdase expresamente a inscrición do convenio no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo e ordénase a súa publicación no BOE, culminando así a súa tramitación administrativa.

    «Os feitos evidencian que nunca existiu a suposta paralización anunciada por CIG e UGT», reprocha a Federación de Servizos de CCOO. O procedemento limitouse á tramitación habitual dun convenio colectivo, na que a autoridade laboral solicitou determinadas aclaracións e adaptacións técnicas que foron «debidamente atendidas» pola comisión negociadora.

    Para CCOO-Servizos resulta «preocupante» que este trámite administrativo se utilizase para «xerar confusión» entre as traballadoras e os traballadores do sector, difundindo mensaxes que «non se correspondían coa realidade» e «alimentando expectativas» sobre unha suposta anulación ou bloqueo do convenio.

    Mentres CIG e UGT centraban a súa actuación nesa campaña, CCOO-Servizos «traballou para garantir a seguridade xurídica do texto, defender os avances acadados na negociación colectiva e asegurar que o convenio completase con éxito todos os trámites necesarios para a súa entrada en vigor».