Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

CCOO do Hábitat asina o novo convenio colectivo da industria de ebanistería e afíns da provincia de Lugo con melloras salariais e sociais ata 2029

    CCOO do Hábitat asinou esta semana o novo convenio colectivo da industria de ebanistería e afíns da provincia de Lugo, un acordo que regulará as condicións laborais do sector desde o 1 de xaneiro de 2026 ata o 31 de decembro de 2029.

    18/07/2026.
    Traballo nun obradoiro de carpintaría | Foto: Detmold (Pixabay)

    Traballo nun obradoiro de carpintaría | Foto: Detmold (Pixabay)

    A organización sindical, que ostenta o 71 % da representatividade no sector, destaca que o novo texto supón un importante avance tanto en materia salarial como social, reforzando os dereitos das persoas traballadoras e garantindo o mantemento do seu poder adquisitivo.

    No apartado económico, o convenio recolle incrementos salariais do 4 % para 2026, do 3,5 % tanto en 2027 como en 2028 e dun 4 % en 2029, o que representa unha suba acumulada do 15 % ao longo da súa vixencia. Ademais, incorpora unha cláusula de revisión salarial para asegurar que os salarios non perdan capacidade adquisitiva.

    As táboas salariais para 2026 sitúan o salario mensual entre os 1.641,96 euros dos grupos 6 e 7 e os 1.987,09 euros do grupo 1. Os importes establecidos para os grupos intermedios son de 1.862,67 euros para o grupo 2, 1.738,64 euros para o grupo 3, 1.711,02 euros para o grupo 4 e 1.677,48 euros para o grupo 5.

    O convenio tamén incorpora outras melloras relevantes. Entre elas figura un plus especial de cualificación de 805,32 euros anuais para o persoal oficial de primeira contratado antes do 6 de xuño de 2014. Así mesmo, actualízanse as axudas de custo, que pasan a ser de 70 euros para a dieta completa e de 17 euros para a media dieta.

    No relativo á conciliación e aos dereitos sociais, mantéñense 24 días laborais de vacacións e recoñécese un día de asuntos propios ao ano.

    En materia de protección social, mellórase o complemento por incapacidade temporal derivada de enfermidade común ou accidente non laboral. Deste xeito, as persoas traballadoras percibirán o 85 % do salario entre os días 21 e 55 da baixa, o 90 % entre os días 56 e 80 e o 100 % a partir do día 81.

    Para CCOO do Hábitat, este convenio é o resultado da negociación colectiva e do traballo desenvolvido pola representación sindical para mellorar as condicións laborais e salariais das persoas traballadoras da industria da ebanistería na provincia de Lugo, consolidando un marco de estabilidade e de avance en dereitos para os próximos catro anos.