Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

CCOO acusa Gadis de intentar «intimidar» os sindicatos cunha reclamación millonaria tras a folga do pasado San Xoán

    Delegadas e delegados de CCOO, CIG, UGT e USO concentráronse esta mañá diante da Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) da Coruña. A protesta coincidiu coa celebración do acto de conciliación previo ao procedemento xudicial iniciado por Gadis, que reclama aos sindicatos convocantes da folga no comercio de alimentación unha indemnización de 1,25 millóns de euros polos supostos prexuízos económicos derivados dos paros do pasado San Xoán.

    20/07/2026.
    Concentración diante do SMAC da Coruña para rexeitar a reclamación millonaria de Gadis (20/7/2026)

    Concentración diante do SMAC da Coruña para rexeitar a reclamación millonaria de Gadis (20/7/2026)

    A mobilización serviu para denunciar o que as organizacións sindicais consideran un intento de coartar o exercicio do dereito de folga, un dereito fundamental recoñecido pola Constitución e unha ferramenta esencial para a defensa das condicións laborais das persoas traballadoras.

    O acto de conciliación celebrado este luns, de carácter preceptivo, concluíu sen avinza entre as partes, polo que o conflito seguirá a súa tramitación pola vía xudicial. Segundo denunciou a representación sindical, a demanda responde a unha estratexia para amedrentar tanto os sindicatos como o persoal e influír no desenvolvemento da negociación do convenio colectivo provincial do comercio de alimentación da Coruña. As organizacións insistiron en que non permitirán que este tipo de actuacións condicionen a acción sindical nin a participación nas mobilizacións.

    CCOO-Servizos considera «especialmente grave» que unha empresa pretenda responsabilizar economicamente os sindicatos polas consecuencias dunha folga legalmente convocada e secundada polas persoas traballadoras. Ao seu xuízo, este tipo de demandas buscan crear un «efecto disuasorio» fronte ao exercicio dun dereito fundamental.

    Tres novas xornadas de folga

    No marco deste conflito, CCOO, CIG, UGT e USO convocaron tres novas xornadas de folga no comercio de alimentación da provincia da Coruña para os días 24, 25 e 26 de xullo, ante a falta de avances na negociación do convenio colectivo. Os sindicatos reiteran que continuarán defendendo melloras salariais e laborais para o persoal do sector e advirten de que non se deixarán «intimidar» por actuacións que consideran dirixidas a limitar o dereito de folga e a liberdade sindical.