Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

DECLARACIÓN DO SINDICATO NACIONAL DE CCOO POLO DÍA DA PATRIA GALEGA DE 2026

Un país solidario, con emprego digno e unha lingua viva que nos una

    O 25 de Xullo é unha data de afirmación colectiva. Para o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, celebrar o Día da Patria Galega significa renovar o compromiso coa clase traballadora e co futuro do noso país.

    23/07/2026.
    Declaración institucional do S. N. de CCOO de Galicia polo Día da Patria Galega do 2026

    Declaración institucional do S. N. de CCOO de Galicia polo Día da Patria Galega do 2026

    Galicia non é só un territorio: é unha comunidade construída polo esforzo de xeracións de traballadoras e traballadores que loitaron por máis liberdade, máis democracia, máis igualdade e máis autogoberno.

    Ese compromiso obríganos tamén a preguntarnos que Galicia queremos construír. Queremos unha Galicia capaz de ofrecer emprego digno, estable e con dereitos; unha Galicia que reteña a súa mocidade e que non vexa na emigración a única saída para milleiros de persoas; unha Galicia con servizos públicos fortes, cunha industria diversificada, con cohesión territorial e con capacidade para decidir o seu propio desenvolvemento.

    Os datos económicos poden ofrecer unha imaxe positiva nalgúns ámbitos, pero continúan existindo problemas estruturais que condicionan o futuro do país porque a riqueza creada non se redistribúe de maneira xusta e equitativa. A precariedade segue presente en demasiados sectores, o acceso á vivenda dificulta os proxectos vitais de moitas persoas novas, a perda de peso industrial ameaza o emprego de calidade e o envellecemento demográfico reclama políticas públicas ambiciosas e sostidas no tempo.

    Neste contexto, resulta especialmente preocupante que determinados discursos pretendan situar a clase traballadora como responsable dos problemas do sistema económico. Nos últimos meses asistimos a unha campaña de estigmatización arredor do mal chamado «absentismo laboral», que pretende converter en sospeitosas as persoas que enferman.

    CCOO rexeita rotundamente ese discurso. Ninguén escolle enfermar. As incapacidades temporais responden a decisións clínicas adoptadas polo persoal sanitario e non poden ser utilizadas para recortar dereitos nin para cuestionar a honestidade das persoas traballadoras.

    A mellor política para reducir as baixas non consiste en sinalar quen está enfermo nin en ampliar o control das mutuas privadas sobre os procesos de incapacidade temporal. Consiste en fortalecer a prevención de riscos laborais, protexer a saúde mental, combater a precariedade, garantir tempos de descanso adecuados e reforzar unha sanidade pública capaz de ofrecer atención áxil e de calidade. Defender a saúde das persoas traballadoras é defender tamén un modelo de país máis xusto.

    Mais a procura de falsos culpables non remata aí. Tamén asistimos ao intento de responsabilizar as persoas migrantes de problemas que teñen a súa orixe na desigualdade, na precariedade ou na falta de políticas públicas.

    Galicia coñece ben o significado da emigración. Durante xeracións, milleiros de galegas e galegos víronse obrigados a marchar para procuraren as oportunidades que lles eran negadas na súa terra. Esta memoria obríganos a rexeitar con firmeza os discursos de odio e exclusión que pretenden enfrontar unhas persoas con outras. Quen pretende dividir a clase traballadora pola súa orixe só contribúe a debilitar os dereitos de todas e de todos. A solidariedade entre persoas traballadoras segue a ser a mellor resposta fronte á desigualdade, a explotación e os discursos de odio.

    Construír Galicia desde a identidade

    Defender Galicia significa tamén preservar aquilo que nos identifica como pobo e que nos permite construír un futuro compartido. Entre eses elementos ocupa un lugar central a lingua galega.

    Para Comisións Obreiras, o galego non é un elemento accesorio nin unha cuestión simbólica. É un dereito da cidadanía, un patrimonio colectivo e un instrumento de cohesión social. Tamén forma parte dos dereitos das persoas traballadoras poder vivir, formarse e desenvolver a súa actividade profesional na lingua do país.

    Por iso resulta insuficiente a recentemente presentada actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, pois renuncia a afrontar o principal problema: o progresivo retroceso do galego entre as xeracións máis novas. Sen unha revisión profunda das políticas educativas e sen incrementar a presenza do galego no ensino será moi difícil reverter a emerxencia lingüística que diferentes institucións veñen advertindo desde hai anos.

    A lingua necesita consenso, compromiso político e recursos públicos. Pero tamén necesita presenza cotiá nos centros de traballo, na negociación colectiva, na formación profesional, nos servizos públicos e na vida económica do país.

    Neste 25 de Xullo, o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras reafirma, unha vez máis, o seu compromiso cos dereitos nacionais de Galicia desde os valores que sempre inspiraron o sindicalismo confederal: a democracia, a solidariedade, a igualdade e a defensa da clase traballadora.

    Celebramos este Día da Patria Galega convencidas e convencidos de que non hai progreso posible sen emprego digno, sen servizos públicos fortes, sen igualdade, sen lingua propia e sen unha sociedade que sitúe as persoas por diante de calquera outro interese.