Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

CCOO do Hábitat de Galicia reafirma o seu compromiso coa seguridade e a dignidade das traballadoras de Axuda no Fogar en memoria de Teresa, quen «sempre será un símbolo de loita»

    «Traballar coidando dos demais nunca pode significar traballar con medo», lembran as compañeiras do comité, que esixen a aplicación efectiva do protocolo de prevención acabado de aprobar

    29/07/2026.
    Homenaxe á traballadora do SAF asasinada no Porriño o 29 de xullo de 2025.

    Homenaxe á traballadora do SAF asasinada no Porriño o 29 de xullo de 2025.

    O recordo de Teresa segue moi presente entre quen loita cada día polos dereitos das traballadoras que coidan dunha das partes máis vulnerables da nosa sociedade. O seu asasinato marcou un antes e un despois e puxo de manifesto a necesidade urxente de reforzar as medidas de prevención e protección fronte á violencia laboral externa.

    Tras esta traxedia e grazas á mobilización e á loita constante do sector, CCOO do Hábitat de Galicia participou activamente na elaboración e asinamento do protocolo de prevención e actuación fronte á violencia laboral externa no Servizo de Axuda no Fogar. Grazas a este traballo, as traballadoras contan hoxe cun instrumento que supón un avance histórico para garantir a prevención, a protección e unha resposta eficaz ante calquera situación de violencia.

    Desde CCOO do Hábitat de Galicia insistimos en que este protocolo debe aplicarse con todas as garantías e dotarse dos recursos necesarios para que o seu cumprimento sexa unha realidade efectiva en todos os servizos. A seguridade das traballadoras non pode depender da vontade de cada Administración ou empresa, senón converterse nun dereito plenamente garantido.

    O sindicato renova o seu compromiso máis firme coa defensa das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar e continuará vixiante para esixir o cumprimento de todas as medidas de protección. «Traballar coidando das demais persoas nunca pode significar traballar con medo» e «Teresa sempre será un símbolo de loita», afirman as compañeiras do comité de empresa.

    CCOO do Hábitat de Galicia lembra que a dignidade laboral e a seguridade son condicións irrenunciables para quen sostén un servizo esencial para a sociedade e reitera a súa esixencia de que se adopten todas as garantías necesarias para que un horror como o ocorrido con Teresa non volva repetirse nunca máis.