Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

A hostalaría da Coruña vai á folga o 12 de agosto: a rendibilidade non pode recaer sobre a saúde e os salarios das persoas traballadoras

    O sector parará para esixir unha negociación real tras ano e medio co convenio caducado.

    30/07/2026.
    Juan Zas (dereita), con representantes de UGT e CIG, na rolda de prensa (29/7/2026).

    Juan Zas (dereita), con representantes de UGT e CIG, na rolda de prensa (29/7/2026).

    Os sindicatos CCOO, CIG e UGT anunciaron este mércores en conferencia de prensa a convocatoria dunha folga no sector da hostalaría da provincia da Coruña para o próximo 12 de agosto, coincidindo co agardado eclipse de sol. As centrais chaman á participación masiva de persoal de bares, restaurantes, pubs e hoteis ante o bloqueo, por parte da patronal, na negociación do convenio, que leva ano e medio caducado.

    A parte empresarial, que non amosa a máis mínima boa fe nas negociacións, pretende eliminar o complemento por incapacidade temporal e non pagar os atrasos de 2025, mentres os salarios levan conxelados un ano e medio. Tampouco propoñen nada en redución de xornada e en saúde laboral, dous aspectos clave, como explica o secretario de Acción Sindical de CCOO Servizos, Juan Zas.

    «Non imos aceptar que nun sector con tanta carga de traballo, con xornadas extenuantes, non se fale de investimento en prevención de riscos e se criminalicen as situacións de incapacidade derivadas de toda esta penosidade no traballo», advertiu o sindicalista. Chamou a atención sobre as xornadas maratonianas por riba do establecido legalmente e a cantidade inxente de horas extra sen pagar que se dan na hostalaría.

    Nese senso, incidiu en que o continuo crecemento na rendibilidade do sector está a producirse á custa da precariedade dos cadros de persoal. Cos efectivos en mínimos en moitos negocios, a sobrecarga de traballo deriva en máis baixas que non se dan cuberto polas condicións miserentas, nun típico efecto de «peixe co rabo na boca».

    Juan Zas mostrou a dispoñibilidade sindical para acadar un acordo e chamou a patronal a establecer unha negociación seria. Ademais do respecto ao complemento IT, os sindicatos reclaman incrementos salariais por riba do IPC para garantir un poder adquisitivo real e digno; a redución da xornada laboral; e descansos semanais garantidos para conciliar a vida familiar e laboral.