Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

Continúan as protestas do sector de transporte de mercadorías ante as pobres ofertas da patronal

    Persoal do transporte de mercadorías por estrada da provincia da Coruña concentrouse este xoves no polígono do Río do Pozo, en Narón, nunha mobilización convocada por Comisións Obreiras, CIG e UGT, para denunciar o bloqueo da negociación do convenio colectivo provincial do sector.

    31/07/2026.
    Protesta en Narón de persoal do transporte de mercadorías (30/7/2026).

    Protesta en Narón de persoal do transporte de mercadorías (30/7/2026).

    As organizacións sindicais manifestaron na rúa o que xa expresaran na mesa ante a última oferta da patronal: que o acordo só pode producirse se se garanten salarios dignos e mellores condicións laborais. A última proposta da parte empresarial, logo das protestas na Coruña e Santiago, quedou moi lonxe do aceptable.

    CCOO lembra que en agosto de 2025 as partes alcanzaron un acordo para garantir a actualización salarial dese ano, co compromiso de abrir a continuación a negociación dun convenio plurianual que incorporase, ademais das cuestións retributivas, melloras na xornada, na remuneración do traballo nocturno, do traballo en domingos, do tempo de presenza e nas condicións laborais do persoal de almacén e administración.

    Porén, o sindicato denuncia que a patronal «pretende non abordar moitas desas cuestións» e rexeita asumir calquera garantía de mantemento do poder adquisitivo dos salarios, malia o contexto de incremento dos prezos.

    Tras meses de negociación, a oferta empresarial para 2026 supón unha suba salarial «mesmo inferior ao IPC interanual», limitada unicamente ao salario base, sen actualización do resto dos conceptos retributivos e con efectos desde o asinamento do convenio, en lugar de aplicarse con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro.

    As organizacións sindicais denuncian tamén que a representación empresarial continúa sen dar resposta a reivindicacións centrais da plataforma sindical, como a mellora da remuneración do traballo nocturno, do traballo en domingos, do tempo de presenza e doutras condicións laborais comprometidas no inicio da negociación.

    Para CCOO, esta proposta é «inaceptable» porque non permite recuperar a perda de poder adquisitivo acumulada polo persoal do sector nin mellora unhas condicións laborais que levan anos deteriorándose.

    O sindicato advirte de que ás duras condicións de traballo propias do transporte de mercadorías se suman uns salarios que «hai tempo que deixaron de atraer novas persoas traballadoras», unha situación que dificulta a incorporación de profesionais e compromete o futuro do sector.

    CCOO valora a participación do persoal na concentración celebrada este xoves e reafirma o seu compromiso coa defensa dun convenio que garanta salarios dignos, melloras reais nas condicións de traballo e mecanismos que preserven o poder adquisitivo das persoas traballadoras. Neste sentido, fai un chamamento á patronal para que abandone a súa posición de bloqueo e afronte a negociación coa vontade real de alcanzar un acordo.