Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

As asembleas da industria auxiliar de Navantia aproban a modificación dos acordos do naval

    Os sindicatos salientan que as melloras son posibles grazas ao éxito das xornadas de folga durante a negociación do convenio siderometalúrxico.

    31/07/2026.
    Asemblea de persoas traballadoras da industria auxiliar de Ferrol (xullo de 2026).

    Asemblea de persoas traballadoras da industria auxiliar de Ferrol (xullo de 2026).

    As asembleas de traballadores e traballadoras da industria auxiliar de Navantia aprobaron recentemente aceptar a proposta da patronal para a modificación da disposición adicional segunda.

    Despois de que os sindicatos presentaran á AENFE e á Dirección de Navantia o pasado mes de decembro unha proposta para modificar os coñecidos acordos do naval, e logo de manteren varias reunións entre a parte social e as empresas do naval, o xoves e venres da semana pasada someteuse á asemblea xeral o texto proposto polo empresariado.

    Celebradas cinco asembleas nas distintas quendas e nos dous estaleiros da ría de Ferrol, finalmente esta proposta foi ratificada pola maioría dos cadros de persoal da industria auxiliar. Asináronse:

    1· Táboas: unificación das táboas para rematar cunha discriminación salarial histórica.

    2· Plus: incorporación do plus a categorías que ata agora non o cobraban.

    3· Salarios: incremento por riba do convenio colectivo para as categorías máis baixas.

    A parte social recoñece que esta proposta non recolle todas as demandas da industria auxiliar, pero pon en valor o avance que supón nas condicións salariais dos traballadores e traballadoras do naval.

    A MOBILIZACIÓN FOI DETERMINANTE

    Unha vez máis, os sindicatos queren destacar que isto foi posible polo éxito das xornadas de folga durante a negociación do convenio siderometalúrxico, que presionaron a patronal do naval de Ferrol.