Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

CCOO-Ensino asina o convenio colectivo de centros especiais de emprego de Galicia cun incremento salarial do 12 % en tres anos

    CCOO-Ensino, sindicato maioritario no sector, asinou recentemente o novo convenio colectivo de centros especiais de emprego de Galicia, un acordo que culmina o proceso de negociación desenvolvido nos últimos meses e que incorpora importantes melloras nas condicións laborais do persoal do sector.

    03/08/2026.
    Asinamento do novo convenio dos centros especiais de emprego

    Asinamento do novo convenio dos centros especiais de emprego

    Entre os principais avances figura un incremento salarial do 12 % en tres anos, distribuído en tres subas anuais do 4 %. O convenio tamén establece que todos os complementos e pluses terán carácter non absorbible nin compensable.

    No referente aos complementos, incorpórase unha disposición adicional para definir e cuantificar no prazo dun ano os pluses de perigosidade, penosidade e toxicidade. Ademais, o plus de coordinación increméntase de 60 a 100 euros; o de asistencia pasa de 60 a 70 euros, elimina a penalización derivada das situacións de incapacidade temporal e introduce un cálculo proporcional; o plus de distancia aumenta de 60 a 70 euros; e o de dispoñibilidade e o de prolongación de xornada pasan de 40 a 70 euros.

    O acordo tamén mellora a compensación polo traballo en domingos e festivos, que pasa de 40 a 60 euros e incorpora un día de descanso; fixa a nocturnidade no 35 % sobre o valor da hora ordinaria; establece un plus de idiomas equivalente ao 20 % do salario base; crea un novo plus de teletraballo dotado con 20 euros e mellora a prima por accidente.

    No relativo ás retribucións, o convenio introduce unha nova redacción da paga de beneficios, coa incorporación dunha fórmula de cálculo que, segundo CCOO, mellora substancialmente a súa repartición. Tamén reduce de 21 a 18 anos o período necesario para acceder á paga de vinculación.

    En materia de dereitos laborais, o texto aumenta as vacacións de 32 a 33 días naturais, adapta os permisos á lexislación vixente, recoñece 10 días por falecemento de familiar, incorpora unha nova regulación dos asuntos propios con maiores garantías para o persoal e reduce de 15 a 7 días o prazo de preaviso por cesamento.

    O convenio incorpora ademais medidas específicas en materia de dereitos LGTBIQA+, entre elas a actualización da nomenclatura, a inclusión expresa das persoas trans e non binarias, o dereito ao uso do nome sentido nas comunicacións internas, o respecto aos pronomes escollidos, o acceso a vestiarios, baños e uniformidade conforme á identidade de xénero e a prohibición expresa de comentarios, bromas ou cuestionamentos sobre transicións ou corporalidades.

    Para CCOO-Ensino, o asinamento deste convenio supón un avance nas condicións laborais do persoal dos centros especiais de emprego de Galicia e evidencia a importancia da negociación colectiva como ferramenta para mellorar os dereitos das persoas traballadoras. O sindicato asegura que continuará traballando co mesmo compromiso para seguir avanzando nas condicións do sector.