Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Setembro 2026.

Determinadas notificacións da Seguridade Social serán só electrónicas a partir do 1 de setembro

    A partir do vindeiro 1 de setembro de 2026 entrará en vigor un cambio na forma en que a Seguridade Social comunica determinados procedementos relacionados con diversas prestacións.

    06/08/2026.
    Cambios no sistema de notificacións da Seguridade Social a partir do 1 de setembro

    Cambios no sistema de notificacións da Seguridade Social a partir do 1 de setembro

    A Orde ISM/541/2026, do 27 de maio, modifica a regulación das notificacións e comunicacións electrónicas da Administración da Seguridade Social e establece que determinadas resolucións pasarán a notificarse obrigatoriamente por vía electrónica, substituíndo a tradicional carta certificada, aínda que coa mesma validez xurídica.

    A modificación afecta ás persoas que soliciten ou perciban prestacións por nacemento e coidado de menores, risco durante o embarazo ou durante a lactación, así como ás que sexan solicitantes ou beneficiarias de prestacións por incapacidade temporal, incapacidade permanente ou lesións permanentes non incapacitantes.

    Un dos cambios máis relevantes é que, unha vez posta a disposición da persoa interesada na sede electrónica da Seguridade Social, esta disporá de dez días naturais para acceder á notificación. Se non o fai nese prazo, a notificación entenderase igualmente practicada e o procedemento continuará, co risco de perder prazos para presentar alegacións ou reclamacións.

    No caso das altas médicas, por exemplo, a comunicación realizarase de maneira inmediata a través da sede electrónica, producindo os efectos previstos na normativa.

    CCOO recomenda comprobar que a Seguridade Social dispón dun número de teléfono móbil actualizado, xa que os avisos da existencia dunha nova notificación remitiranse por SMS. Cómpre lembrar, porén, que estes avisos só teñen carácter informativo: aínda que non se reciban, a notificación seguirá sendo plenamente válida desde que estea dispoñible na sede electrónica.

    A norma tamén prevé que, de maneira excepcional, cando a Administración non dispoña do teléfono móbil ou do enderezo electrónico da persoa interesada, poida practicar a notificación en soporte papel para evitar situacións de indefensión. Así mesmo, recoñece o dereito a recibir asistencia nos Centros de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS) para acceder á sede electrónica cando existan dificultades técnicas.

    Por todo isto, CCOO recomenda comprobar con antelación que se dispón dun sistema de identificación electrónica (Cl@ve, certificado dixital ou DNI electrónico) para acceder á sede electrónica da Seguridade Social, verificar que está actualizado o número de teléfono móbil e revisar periodicamente as notificacións cando se estea tramitando ou percibindo algunha das prestacións afectadas, sen confiar unicamente na recepción dos avisos por SMS.


    Normativa de referencia: Orde ISM/541/2026, do 27 de maio, pola que se modifica a Orde ISM/903/2020, do 24 de setembro, pola que se regulan as notificacións e as comunicacións electrónicas no ámbito da Administración da Seguridade Social (BOE núm. 137, do 8 de xuño de 2026).