Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Setembro 2026.

A hostalaría da provincia da Coruña afronta a folga do 12 de agosto sen avances na negociación do convenio

    A poucos días da folga convocada para o 12 de agosto, coincidindo coa eclipse total de sol, CCOO, UGT e CIG chaman o conxunto do persoal da hostalaría da provincia da Coruña —bares, restaurantes, cafeterías, hoteis e pubs— a secundar unha mobilización que consideran decisiva para desbloquear a negociación do convenio colectivo, caducado desde hai ano e medio.

    07/08/2026.
    Concentración diante do hotel NH Collection, en Santiago de Compostela (5/8/2026)

    Concentración diante do hotel NH Collection, en Santiago de Compostela (5/8/2026)

    Malia que non se produciron avances nas negociacións, o vindeiro martes, día 11 de agosto, haberá unha última tentativa para achegar posicións. Será mediante unha negociación ao abeiro do AGA, o acordo interprofesional galego para a resolución extraxudicial de conflitos. Para este efecto, as partes están citadas ás 11 horas no Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL).

    Dar visibilidade ao conflito aproveitando unha data singular

    A coincidencia da convocatoria de folga coa eclipse non é casual. Trátase dunha das xornadas en que se prevé unha maior actividade para a hostalaría, e os sindicatos queren aproveitar ese contexto para dar a máxima visibilidade ao conflito. A campaña de convocatoria recorre tamén á metáfora da eclipse para denunciar o bloqueo que sofre a negociación do convenio, a perda de poder adquisitivo e a deterioración dos dereitos laborais das persoas traballadoras.

    As tres organizacións sindicais aseguran que a convocatoria chega tras meses de negociacións sen avances pola falta de vontade da patronal, á que acusan de non presentar propostas que permitan alcanzar un acordo. Entre as súas reivindicacións figuran incrementos salariais que garantan a recuperación do poder adquisitivo, o mantemento do complemento por incapacidade temporal (IT), o pagamento dos atrasos correspondentes a 2025, a redución da xornada laboral, melloras en saúde laboral e prevención de riscos e a garantía de descansos semanais que favorezan a conciliación da vida persoal e laboral.

    Segundo denuncian, a situación actual do sector está marcada por unha elevada carga de traballo, xornadas que con frecuencia superan os límites legais, numerosas horas extraordinarias sen remunerar e unha crecente dificultade para cubrir baixas e atraer persoal debido ás condicións laborais. Ao seu xuízo, a boa marcha económica da hostalaría «non pode seguir sustentándose na precariedade nin na deterioración da saúde das persoas traballadoras».

    Os sindicatos denuncian «presións» das empresas

    Nos últimos días, as mobilizacións intensificáronse para facer visible o conflito. O pasado mércores, 5 de agosto, tivo lugar unha concentración diante do Hotel NH Collection, en Santiago de Compostela, nun acto simbólico organizado por CCOO, UGT e CIG para «quecer motores» de cara á folga do día 12 e informar a cidadanía as reivindicacións do sector.

    Tamén aproveitaron para rexeitar as «presións» dalgunhas empresas para tentaren desactivar a folga. Segundo fixeron constar as tres organizacións, algúns establecementos da provincia ofreceron incrementos salariais condicionados a que o persoal non participe no paro convocado para o 12 de agosto.

    CCOO, UGT e CIG coidan que estas actuacións evidencian que «existe marxe para mellorar as condicións económicas» das persoas traballadoras, pero critican que se tente facelo mediante acordos individuais en lugar de avanzar nun convenio colectivo que beneficie a todo o sector.

    Por outra parte, os sindicatos tamén lle reprochan á patronal que siga sen remitir a proposta de convenio a que se comprometera a finais de xuño. Ao mesmo tempo, reiteran a súa disposición a retomar a negociación en calquera momento se existe unha «vontade real» de alcanzar un acordo.

    Concentracións previstas para a xornada de folga

    Para a xornada de paro están previstas tamén varias concentracións diante de hoteis da cidade da Coruña: ás 10:30 horas no Eurostars Atlántico, ás 12:00 horas no NH Collection A Coruña Finisterre, ás 13:30 horas no Meliá María Pita, ás 16:00 horas no Hotel Riazor e ás 17:30 horas no Hotel Hesperia A Coruña.