Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Setembro 2026.

CCOO de Galicia critica que o Diálogo Social sobre as baixas partira dunha análise que culpabiliza a clase traballadora

    A solución ao incremento das baixas médicas debe contar cunha maioría da representación sindical, condición que non se dá no anuncio realizado hoxe pola Xunta, a CEG e UGT.

    10/08/2026.
    Manifestación de CCOO en Ourense, con motivo do Día da Seguridade e da Saúde no Traballo.

    Manifestación de CCOO en Ourense, con motivo do Día da Seguridade e da Saúde no Traballo.

    Tras o preacordo anunciado o venres 7 de agosto pola Xunta, a CEG e UGT, CCOO de Galicia considera que as solucións á cuestión das baixas laborais non poden chegar a partir dunha diagnose que culpabiliza as persoas traballadoras. E ese foi, lamentablemente, o punto de partida desa mesa do Diálogo Social e ese foi o motivo que levou a Comisións Obreiras a saír dunha negociación condicionada desde o principio polo intereses de parte da patronal, co apoio do Goberno galego.

    Máis alá das medidas concretas —que analizaremos en detalle cando se difundan—, CCOO sinala que a resposta ao mal chamado ‘absentismo’ debe nacer dun diálogo social serio e sen conclusións predeterminadas, e no que estea presente unha parte maioritaria dos axentes sociais representativos. No preacordo anunciado, a parte sindical está participada por unha representación minoritaria.

    Cómpre lembrar que a Xunta, desde o minuto un en que emprendeu a persecución e control das baixas, mantivo unha dualidade operativa: por unha banda, a Presidencia deu voz aos empresarios e amplificou o seu discurso; mentres que a Consellería de Sanidade foi intervindo con medidas contra a clase traballadora, como o control das baixas, o reforzo á inspección médica ou o apoderamento das mutuas nas enfermidades comúns. Con este marco xa creado e divulgado nos medios, foi cando desde a Consellería de Emprego se deu inicio a un diálogo social que naceu dunha análise de parte.

    O recente pronunciamento do expresidente da Xunta e líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, deixou claro cal é a súa folla de ruta nesta materia de chegar ao Goberno central, con Galicia como «banco de probas» dunha política propatronal e contraria á clase traballadora. Hai que lembrar que, no ámbito estatal, os dous sindicatos maioritarios, CCOO e UGT, manifestáronse decontado en contra destes intentos de criminalizar ou controlar as persoas traballadoras de baixa.

    Comisións Obreiras salienta que, por moitas manobras mediáticas que se fagan, hai unha realidade social incontestable: as persoas que traballan en Galicia son honestas e produtivas, e os beneficios que as propias empresas galegas declaran son boa proba disto. O incremento na duración das incapacidades temporais —que non son absentismo— non se soluciona con máis inspectores médicos e dando máis poder ás mutuas; se esa fose a receita, este Goberno estaría confesando a súa incompetencia durante os últimos 17 anos, incluídos nos que presidiu a Xunta Núñez Feijóo.

    Como CCOO ten insistido, a cuestión de fondo non se pode atallar sen introducir melloras significativas na depauperada sanidade pública; sen unha prevención eficaz de riscos laborais; sen un control efectivo dos horarios e das horas extra non pagadas; sen máis medios na Inspección de Traballo; sen melloras nos colectivos laborais máis precarizados —que coinciden con postos de traballo feminizados—; sen dotar con fondos abondos as concesións e contratos públicos, con casos tan claros de infrafinaciamento como a axuda no fogar. En definitiva, non haberá unha solución eficaz e satisfactoria sen unha análise que poña no centro os problemas e as condicións reais das persoas traballadoras.