Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Setembro 2026.

CCOO mobilízase en Vigo polo dereito ao descanso do persoal do comercio e chama a secundar a folga do 15 de agosto

    CCOO protagonizou este martes unha concentración en Vigo para reclamar o dereito ao descanso das traballadoras e traballadores do comercio, pero tamén denunciar o impacto das aperturas en domingos e festivos sobre a conciliación da vida laboral, familiar e persoal.

    11/08/2026.
    O persoal do comercio reclama «máis tempo para vivir» e rexeita a apertura en domingos e festivos

    O persoal do comercio reclama «máis tempo para vivir» e rexeita a apertura en domingos e festivos

    Entre o Corte Inglés de Gran Vía e o centro comercial Vialia, centos de persoas secundaron a convocatoria do sindicato, que reclama revisar un modelo de aperturas que considera especialmente inxustificado durante os meses de verán. A mobilización forma parte da campaña que CCOO leva meses desenvolvendo a prol das condicións laborais no sector e é antesala da folga convocada para o próximo sábado, 15 de agosto.

    En declaracións aos medios de comunicación, a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Amelia Pérez, denunciou que nos últimos anos se foi «normalizando» a apertura do comercio en domingos e festivos, pero considerou «especialmente inxustificada» esta práctica durante os meses de verán. Segundo sinalou, neste período as vendas no comercio adoitan diminuír, polo que rexeita con maior contundencia a apertura nestas datas e reclama que se revise esta medida.

    A dirixente sindical tamén amosou o seu rexeitamento ás recentes declaracións do presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, polo incremento da conflitividade en Galicia. Pérez afeoulle ao responsable da patronal a actitude de bloqueo das empresas, «que se negan a repartir os beneficios que sempre reclamamos desde CCOO». Ao respecto, sinalou que «se imperase o sentido común na clase empresarial deste país, non teriamos que chegar ata estes extremos».

    Así mesmo, a secretaria xeral de Comisións Obreiras vinculou esta visión coa que a propia patronal ten sobre o mal chamado «absentismo», que culpabiliza a clase traballadora. Precisamente, CCOO desmarcouse do acordo asinado a pasada semana no ámbito do diálogo social porque «sabiamos como ía rematar esta cuestión».

    Amelia Pérez lembrou tamén o recente informe presentado por CCOO no nivel estatal sobre as horas extras, que en Galicia revelan a realización de case 347 000 cada semana, das cales o 40 % non se pagan. Pérez cualificou esta cifra de «inasumible» e próxima á «explotación laboral», e sinalou precisamente o caso da hostalaría e do comercio galegos.

    Pola súa banda, Iván Cordeiro, secretario xeral da Federación de Servizos de CCOO, criticou que a Xunta autorizase este ano as aperturas en domingos e festivos sen realizar unha consulta previa cos sindicatos. «É a primeira vez na historia» que se toma unha decisión deste tipo «sen contar con todos os sindicatos», denunciou.

    Cordeiro defendeu que as fins de semana e os festivos deben ser días destinados á vida familiar e á conciliación, en resumo, «tempo libre para vivir». Canto ás expectativas de atopar unha solución, advertiu de que existe «un ataque frontal» ao descanso dominical e festivo, unha situación que, segundo explicou, non se limita a Galicia, senón que se estende tamén a outros países europeos.

    Neste sentido, sinalou que as patronais están a exercer presión para ampliar as posibilidades de apertura comercial, pois entenden as compras como unha forma de lecer. A esta tendencia contrapuxo o caso alemán, onde o descanso dominical está recoñecido constitucionalmente.