Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Setembro 2026.

CCOO, CIG e UGT desconvocan a folga na hostalaría da Coruña tras chegarse a un acordo na mediación

    CCOO, CIG e UGT desconvocan a folga e as concentracións previstas para os días 11 e 12 de agosto na hostalaría da provincia da Coruña. A decisión adoptouse tras chegar a un acordo coa parte empresarial na mediación celebrada no Consello Galego de Relacións Laborais, en Santiago de Compostela.

    12/08/2026.
    Mobilización sindical en defensa dun convenio xusto na hostalaría (A Coruña, agosto do 2025)

    Mobilización sindical en defensa dun convenio xusto na hostalaría (A Coruña, agosto do 2025)

    As partes acordaron continuar coa negociación do convenio colectivo da hostalaría da provincia da Coruña. A seguinte reunión da mesa de negociación terá lugar o 17 de setembro.

    Melloras económicas

    O acordo recolle unha suba salarial de 500 euros para o ano 2025, de carácter lineal, que deberá ser aboada como máximo o 31 de outubro de 2026 en función da xornada realizada en 2025. Esta cantidade non se incorporará ás táboas salariais.

    Para os anos seguintes, establécense incrementos do 3 % para 2026, do 3,5 % para 2027 e do 3 % para 2028, que serán aplicados ás táboas salariais e estarán suxeitos a revisión segundo o IPC de cada ano. O incremento correspondente ao 2026 será aboado, como máximo, o 31 de decembro deste ano.

    Cobramento do salario íntegro en caso de baixa

    O acordo fixa tamén que as empresas aboarán o 100 % do complemento de incapacidade temporal (IT) segundo o establecido no convenio vixente. Non existirá esta obriga nos contratos de duración determinada.

    Retómase a negociación do convenio

    O acordo inclúe tamén o compromiso das partes de manter a paz social durante a negociación do convenio colectivo ata a súa conclusión. Por este motivo, os sindicatos procederon a desconvocar a folga e as mobilizacións.