Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Setembro 2026.

CCOO esixe revisar o salario mínimo tras a repunta do IPC ao 3,6 % en xullo

    A inflación xeral aumentou durante o mes de xullo e situou a taxa interanual no 3,6 %, o seu nivel máis alto en dous anos, impulsada polo encarecemento do transporte (6,2 %) e dos custos enerxéticos da vivenda (5,7 %).

    14/08/2026.
    CCOO reclama revisar o SMI polo aumento da inflación

    CCOO reclama revisar o SMI polo aumento da inflación

    Ante este escenario de tensión inflacionista, CCOO esixe medidas urxentes para protexer as rendas do traballo e reclama revisar decontado o salario mínimo interprofesional (SMI) para corrixir a desviación á alza dos prezos respecto do calculado na súa aprobación.

    O sindicato empraza tamén o Goberno de España a manter unha reunión para valorar a situación inflacionaria provocada polos prezos dos carburantes fósiles, principalmente debido ao bloqueo do estreito Ormuz polo conflito entre os Estados Unidos, Israel e Irán, así como as medidas necesarias para o control dos prezos.

    CCOO insiste na necesidade de levar a suba dos salarios á franxa superior do Acordo para o emprego e a negociación colectiva (AENC), fixando incrementos de entre o 4 % e o 7 % nas mesas de negociación pendentes. O sindicato vincula este obxectivo ao seu fondo para mobilizacións e advirte de que, se as patronais non reparten os beneficios, haberá conflito.

    Revisión do SMI e protección dos salarios máis baixos

    Segundo CCOO, o incremento do IPC responde principalmente ás subas dos carburantes e da electricidade por mor da retirada gradual das rebaixas fiscais excepcionais. De feito, sen a aplicación das medidas impositivas de salvagarda aínda vixentes en xullo, a inflación xeral tería alcanzado o 4,1 % interanual.

    Fronte ao impacto destas subas na cesta da compra e nas subministracións básicas, CCOO urxe o Executivo central a acelerar os cambios legais pendentes e esixe a aprobación inmediata do Real decreto de transposición parcial da Directiva europea de salarios mínimos. O sindicato coida necesario que as novas regras de absorción e compensación entren en vigor canto antes para protexer de forma real e efectiva os sectores sociais que perciben os salarios máis baixos.

    Para CCOO, o impacto da inflación nas familias contrasta coa cómoda situación do tecido empresarial. Segundo os datos do primeiro trimestre de 2026 reflectidos polo Observatorio de Marxes Empresariais, os beneficios das empresas sitúanse en niveis historicamente altos, mentres que os salarios pactados en convenio, cunha media do 3 % ata xullo, continúan sen recuperar o poder adquisitivo perdido desde o choque inflacionista de 2021-2022.