Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Setembro 2026.

CCOO denuncia o bloqueo patronal no comercio de alimentación da Coruña e reclama melloras salariais e laborais

    O persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña secundou o luns, 17 de agosto, unha nova xornada de folga para reclamar melloras salariais e laborais e denunciar o bloqueo da negociación do convenio colectivo por parte da patronal.

    21/08/2026.
    Mobilización na Coruña na terceira xornada de folga do comercio de alimentación (17/8/2026)

    Mobilización na Coruña na terceira xornada de folga do comercio de alimentación (17/8/2026)

     Os paros, convocados por CCOO, CIG, UGT e USO, comezaron o sábado 15 e prolongáronse ata hoxe. Na Coruña, centos de persoas participaron na mobilización que percorreu a cidade desde o mercado de Santo Agostiño ata a praza de Lugo.

    As novas xornadas de folga chegaron despois de que as dúas últimas reunións da mesa de negociación do convenio colectivo rematasen sen avances. CCOO-Servizos considera que a proposta patronal é «claramente insuficiente e afastada das necesidades das persoas traballadoras» e non permite avanzar cara a un convenio que garanta salarios dignos nin unha recuperación real do poder adquisitivo.

    O sindicato reclámalle á parte empresarial que «abandone o bloqueo» e dea pasos para mellorar as condicións laborais nun sector que segue xerando beneficios millonarios que deben repartirse entre as persoas traballadoras.

    Entre as reivindicacións das organizacións convocantes está tamén a mellora das condicións salariais, o recoñecemento da antigüidade e unha redución da xornada. A patronal tampouco está disposta a ceder en materia de xornada, nun sector moi precarizado e no que existen importantes dificultades para conciliar a vida laboral e persoal.

    Equiparación con Pontevedra

    O secretario de Acción Sindical de CCOO-Servizos Galicia, Juan Zas, sinalou que, coas condicións que está a ofrecer a patronal, as persoas traballadoras dunha mesma empresa poden ter salarios moito máis baixos na Coruña que na provincia de Pontevedra, ata o punto de que non chegarían a alcanzar ata 2029 as condicións existentes actualmente neste último territorio.

    Zas destacou tamén o «alto» seguimento das xornadas de folga e sinalou que hai áreas dos supermercados, como chacinaría ou carnizaría, «case sen atender». O responsable sindical denunciou igualmente o uso de persoal eventual para tentar reducir o impacto do paro.

    Desde os sindicatos sublíñase, ademais, o desabastecemento de tendas que se vén producindo desde hai dous meses e o «bloqueo total» da negociación por parte da patronal, con avances «practicamente inexistentes».

    Asembleas para decidir as próximas mobilizacións

    As organizacións sindicais advirten de que as protestas continuarán se non se producen avances na negociación. Entre as principais reivindicacións está garantir a revalorización dos salarios por riba do IPC. Desde os sindicatos tamén se sinala a situación de persoas traballadoras que levan máis de trinta anos no sector e continúan con soldos mileuristas.

    Neste contexto, CCOO, CIG, USO e UGT convocan para o vindeiro mércores, 26 de agosto, asembleas do persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña. O obxectivo é explicar con detalle a situación actual do convenio colectivo e decidir as próximas medidas de mobilización e folga. Terán lugar ás 11 e ás 18 horas nos locais sindicais de costume.