Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Setembro 2026.

CCOO reclama que o cancro de pel derivado da exposición solar no traballo sexa recoñecido como enfermidade profesional

    Un informe estatal de CCOO alerta dos riscos da exposición solar no traballo e reclama avanzar no recoñecemento do cancro de pel derivado da exposición laboral ao sol como enfermidade profesional. A Secretaría Confederal de Saúde Laboral e Medio Ambiente do sindicato analiza os principais riscos e medidas preventivas fronte á radiación solar.

    18/08/2026.
    Traballos con exposición ao sol son un risco para o cancro de pel. | Foto: Canva.com

    Traballos con exposición ao sol son un risco para o cancro de pel. | Foto: Canva.com

    O estudo, elaborado pola Secretaría Confederal de Saúde Laboral e Medio Ambiente, sinala que unha de cada tres mortes por cancro de pel distinto do melanoma está relacionada coa exposición á radiación solar durante a xornada laboral.

    Estes datos están avalados por unha investigación da Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Organización Internacional do Traballo (OIT), publicada a finais de 2023. O estudo sinala, ademais, que a exposición ocupacional á radiación ultravioleta solar é o terceiro canceríxeno ocupacional máis importante, só por detrás do amianto e do po de sílice.

    Segundo a OMS, a exposición prolongada á radiación solar durante a xornada laboral incrementa un 60 % o risco de desenvolver cancro de pel. Pola súa banda, a Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo estima que na Unión Europea hai 14,5 millóns de traballadores e traballadoras expostas á radiación solar durante polo menos o 75 % da súa xornada laboral, entre os que destacan colectivos moi masculinizados como o agrícola, a construción, o traballo en estradas, a pesca ou o persoal de servizos urbanos —limpeza viaria, recollida de residuos, xardinaría—, entre outros.

    Ademais, a devandita investigación constata que entre 2000 e 2019 as mortes por cancro de pel non melanoma atribuíbles á exposición solar durante o traballo aumentaron un 88 %, ao pasar de 10.088 a 18.960 falecementos. É importante destacar que o Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro (IARC) cataloga a radiación solar como canceríxeno de categoría 1, e a súa sobreexposición como a principal causa evitable do cancro de pel.

    O cancro de pel non melanoma é moito máis frecuente, pero o melanoma, que representa entre o 1 % e o 4 % dos casos, é responsable de aproximadamente o 80 % das mortes por cancro de pel pola súa capacidade de medrar rapidamente e producir metástases. A detección temperá é clave para o prognóstico: a supervivencia a cinco anos alcanza o 99 % cando se identifica e trata antes de que se estenda aos ganglios linfáticos.

    Reforzar a prevención

    Ante esta realidade, CCOO reclama reforzar a prevención dos riscos derivados da exposición solar, especialmente entre as persoas que traballan ao aire libre, como agricultores, traballadores da construción e estradas, pescadores, xardineiros e persoal de limpeza viaria ou recollida de residuos.

    O sindicato lembra que a avaliación do risco debe apoiarse no índice de radiación ultravioleta (UV) que publica diariamente a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), cunha previsión para os catro días seguintes. Segundo os índices UVI establecidos pola OMS, que van do 0 ao 11, a partir do valor 3 xa existe risco e cómpre aplicar medidas de protección; os niveis pasan a ser perigosos a partir do 6 e extremos a partir do 11, valores que se superan con frecuencia no verán.

    Identificar e avaliar o risco

    Ademais, o sindicato advirte de que é fundamental que as empresas identifiquen e avalíen o risco de exposición á radiación ultravioleta, planifiquen o traballo tendo en conta os niveis de radiación solar e adopten medidas preventivas adecuadas. Entre estas medidas, CCOO cita a limitación da exposición nas horas de maior radiación —adiantando o inicio e tamén o final da xornada—, a habilitación de zonas de sombra e hidratación, e a dotación de equipos de protección individual axeitados: roupa de manga longa, lixeira e de cores claras, gorras ou sombreiros de á ancha, cremas de protección alta —incluído protector labial, con aplicación repetida ao longo da xornada— e lentes de sol que filtren polo menos o 90 % da radiación ultravioleta.

    O sindicato salienta tamén a importancia da formación e información das persoas empresarias e traballadoras sobre este risco e as súas consecuencias, así como dunha vixilancia da saúde específica que inclúa exame dermatolóxico, mapeo e control de lunares ou dermatoscopia, e que permita identificar as persoas traballadoras especialmente sensibles —por fotosensibilidade, antecedentes familiares, queimaduras solares previas, sistema inmunitario debilitado ou tratamentos que aumenten a sensibilidade cutánea—. Dado que este tipo de cancro pode aparecer décadas despois da exposición, CCOO insiste en que as persoas traballadoras xubiladas que estiveron expostas ao sol durante un longo período no seu traballo deben ter tamén un seguimento médico adecuado.

    Cómpre recoñecer a doenza como enfermidade profesional

    CCOO insiste, ademais, en que o cancro de pel derivado da exposición solar laboral debe ser recoñecido como enfermidade profesional e asegura que trasladou esta cuestión ao grupo técnico de enfermidades profesionais do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).

    En Europa xa hai países que o recoñecen, como Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Portugal ou Romanía. Mentres non se produza ese recoñecemento en España, a única vía para declarar un cancro de pel por exposición solar como continxencia profesional é tramitalo como accidente de traballo pola vía do artigo 156.2, alínea e), da Lei Xeral da Seguridade Social, o que esixe demostrar a relación de causalidade exclusiva entre o traballo e a patoloxía.

    O sindicato lembra que a falta de recoñecemento da orixe laboral destes cancros de pel ten varias consecuencias. A nivel de empresa, o recoñecemento da enfermidade obrigaría a revisar a avaliación de riscos e adoptar as medidas preventivas necesarias, o que evitaría novos casos entre outros compañeiros e compañeiras. A nivel social e colectivo, esixiría ás administracións políticas e recursos públicos dirixidos á prevención destas enfermidades. E, a nivel individual, a persoa traballadora ou os seus familiares terían mellores prestacións económicas en caso de falecemento e poderían acceder, se así o consideran, a un recargo de prestacións ou a unha indemnización en caso de falta de medidas preventivas.

    Actualmente, o Real decreto 1299/2006, de enfermidades profesionais, só recoñece como axentes canceríxenos cutáneos profesionais o arsénico e derivados, as radiacións ionizantes e os hidrocarburos aromáticos policíclicos e derivados do carbón e do petróleo, sen incluír a radiación solar.