Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Setembro 2026.

CCOO denuncia que unha soa enfermeira asume a dirección da residencia de Sarria

    CCOO denuncia a situación da Residencia Nosa Señora do Carme de Sarria, dependente do Concello, onde unha enfermeira está a asumir en funcións as tarefas de dirección sen que exista unha persoa que exerza esta función de maneira estable.

    19/08/2026.
    Residencia Nosa Señora do Carme, en Sarria

    Residencia Nosa Señora do Carme, en Sarria

    O sindicato alerta tamén da falta de persoal, que está a provocar unha sobrecarga de traballo que pode afectar á calidade do servizo prestado ás persoas residentes. A situación xera especialmente dificultades durante as fins de semana e os días festivos, xa que a enfermeira que asume a dirección non presta servizo nesas xornadas.

    Como consecuencia, as funcións de responsable do centro recaen neses períodos sobre un traballador da categoría de xerocultor, que ten que asumir tarefas e responsabilidades que non corresponden ao seu posto. CCOO considera que esta situación non pode normalizarse e que a ausencia dunha dirección estable non debe resolverse trasladando responsabilidades a traballadores e traballadoras doutras categorías, coa conseguinte sobrecarga.

    A escaseza de efectivos na residencia está obrigando ao persoal a dobrar quendas, prolongar xornadas e realizar máis horas das que lle corresponden, provocando un importante desgaste físico e emocional. CCOO pon en valor o esforzo e a profesionalidade das traballadoras e traballadores, pero advirte de que o seu compromiso non pode substituír unha adecuada planificación do cadro de persoal.

    CCOO reclama solucións estruturais

    CCOO reclámalle ao Concello de Sarria que cubra e estabilice a dirección da residencia e garanta a existencia dunha persoa responsable durante todos os días de funcionamento, evitando que persoal doutras categorías teña que asumir funcións que non corresponden aos seus postos.

    O sindicato reclama tamén que se aumente e adecúe o cadro de persoal ás necesidades reais do centro, que se garantan as xornadas laborais e que se evite que as quendas dobradas e as horas extraordinarias se convertan nunha práctica habitual. Pide igualmente unha mellor organización das quendas e a cobertura necesaria durante fins de semana e festivos.

    Por último, CCOO pídelle ao Concello que abra un «diálogo inmediato» coa representación legal das persoas traballadoras para analizar a situación e adoptar solucións. O sindicato lembra que se trata dun servizo público de atención e coidado ás persoas maiores e considera que garantir unha dotación suficiente de persoal e unhas condicións laborais dignas é tamén garantir a calidade asistencial.

    CCOO coida que o goberno local debe «asumir a súa responsabilidade e adoptar solucións estruturais» que permitan prestar o servizo con todas as garantías, sen sobrecargar sistematicamente as traballadoras e traballadores.