Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Setembro 2026.

CCOO reclama analizar as causas do aumento das baixas e reforzar a prevención e a atención primaria

    CCOO reclama unha análise rigorosa sobre o incremento das baixas laborais e defende reforzar tanto a prevención de riscos nas empresas como a atención sanitaria pública. Así o explicou o secretario confederal de CCOO, Unai Sordo, nunha entrevista en RNE na que rexeitou os discursos que atribúen o aumento das incapacidades temporais á suposta «fraude» das persoas traballadoras.

    20/08/2026.
    Unai Sordo, secretario confederal de CCOO

    Unai Sordo, secretario confederal de CCOO

    Sordo recoñeceu que «se incrementan as baixas» e tamén os seus custos, pero advertiu de que o fenómeno debe analizarse tendo en conta diferentes factores. Entre eles, sinalou que a poboación traballadora ten cada vez máis idade e que os servizos de atención primaria «moitas veces dan citas moi tarde», polo que unha cita diagnóstica ou para a recuperación dunha doenza pode demorarse durante semanas.

    Ao seu xuízo, isto explica «unha parte do incremento da duración das baixas», polo que a solución «terá que ser mellorar notablemente a sanidade primaria», afirmou o dirixente sindical. Fronte ao que propoñen a patronal ou o PP, Sordo rexeitou que a resposta sexa «apertar o traballador» que ten que permanecer de baixa porque se demora o seu tratamento.

    O secretario confederal de CCOO tamén puxo o acento na relación entre as baixas e as condicións de traballo. Segundo explicou, «hai moitísimas baixas» que, malia estaren cualificadas como continxencia común, «teñen a súa orixe no traballo». Neste sentido, sinalou o incremento das lesións musculoesqueléticas e das incapacidades temporais relacionadas co estrés laboral e cos riscos psicosociais, e defendeu que estes factores deben formar parte da análise.

    Outra parte do problema, abondou Sordo, «ten que ver tamén coa falta de prevención que existe en moitísimas empresas». Ao respecto, indicou que «case un terzo» dos accidentes mortais que se producen no Estado débense a causas con orixe en factores que non estaban diagnosticados nos plans de prevención de riscos.

    Un diagnóstico pendente

    O secretario confederal de CCOO lembrou que o sindicato pactou hai anos establecer un diagnóstico sobre esta cuestión e crear un observatorio sobre as baixas; porén, este acordo non chegou a poñerse en marcha.

    Para Sordo, coñecer as causas do incremento das baixas require «actuacións públicas moi importantes», especialmente para mellorar a atención sanitaria pública e a prevención da saúde. Tamén cuestionou os discursos que presentan a fraude como explicación do incremento das baixas que, en calquera caso, serían «unha parte moi minoritaria» do fenómeno.

    Por último, o sindicalista advertiu de que a polémica sobre as baixas está relacionada con propostas para que as mutuas xestionen as altas por enfermidades comúns e para que o Estado asuma parte dos custos que actualmente lles corresponden ás empresas. Fronte a estas propostas, defendeu que «para eliminar as baixas ou para reducir as baixas» cómpre «investir moito en prevención da saúde no posto de traballo e fóra do posto de traballo».

    Rexistro horario e redución da xornada

    Na entrevista, Sordo tamén se referiu ao rexistro horario e á redución da xornada. O secretario xeral de CCOO reiterou que o sindicato non alcanzará novos acordos co Goberno mentres os xa pactados non se vexan reflectidos no BOE, e puxo como exemplo o rexistro horario. «Non imos seguir alcanzando acordos que logo non serven para nada», sentenciou.

    Sobre a redución da xornada, Sordo considerou «utópico» que nesta lexislatura poida aprobarse por vía legal a xornada de 37,5 horas semanais, pero defendeu que esta reivindicación se traslade agora á negociación colectiva e aos convenios.