Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Setembro 2026.

CCOO pide cautela ao Goberno central ante a reforma da lei de estranxeiría e reclama unha política migratoria integral

    Ante o anuncio dunha reforma do marco xurídico de estranxeiría e asilo en España, CCOO pídelle ao Goberno cautela e acometer unha modificación así con serenidade, diálogo e perspectiva integral, especialmente nun contexto marcado pola crise xeoestratéxica, humanitaria e migratoria en Ceuta que xera unha gran sensibilidade social.

    27/08/2026.
    Posición de CCOO ante a reforma da Lei de estranxeiría

    Posición de CCOO ante a reforma da Lei de estranxeiría

    O sindicato sinala a súa preocupación por que esta iniciativa partira do Ministerio do Interior, xa que un anteproxecto de lei non se pode improvisar nuns días, e retrotráenos a tempos en que a política migratoria se baseaba no control e o tratamento policial, fronte a un enfoque que integre tamén as dimensións sociolaboral e de inclusión das persoas migrantes.

    Por iso, CCOO lembra que leva anos reclamando unha reforma da lei de estranxeiría e propón unha tripla abordaxe. Por un lado, unha lei de estranxeiría que estableza o estatuto xurídico das persoas estranxeiras en España, os seus dereitos, liberdades e obrigas; por outro, unha lei de migración que regule a dimensión sociolaboral dos fluxos migratorios; e, finalmente, unha lei de asilo que ordene os procedementos derivados das obrigas internacionais en materia de protección internacional.

    Para o sindicato, a política migratoria debe ser unha política de Estado —especialmente polas sensibilidades que suscita e ante a utilización demagóxica da inmigración por parte da extrema dereita en España e na Unión Europea— e por iso reclama responsabilidade ao Goberno e ás forzas políticas da oposición para evitar discursos e actuacións que poidan deteriorar a convivencia nunha sociedade plural e diversa como a española.

    CCOO advirte, ademais, de que calquera mecanismo de xestión migratoria estará abocado ao fracaso se as Administracións competentes non contan cos recursos necesarios. Neste sentido, o sindicato volve defender a creación dunha Axencia Española para as Migracións que integre as competencias actualmente dispersas entre distintas Administracións e organismos, para poder mellorar a eficacia da xestión migratoria. Por iso CCOO solicita que se activen os mecanismos habituais de consulta e diálogo institucional, para construír un novo marco normativo que garanta unha xestión eficaz das migracións, baseada no respecto aos dereitos das persoas.