Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Setembro 2026.

Publicado no DOG o texto do convenio colectivo de centros especiais de emprego

    O Diario Oficial de Galicia (DOG) n.º 164, do 31 de agosto, publica o texto do convenio colectivo galego de centros especiais de emprego. Este documento, asinado por CCOO-Ensino, sindicato maioritario no sector, recolle un incremento salarial do 12 % en tres anos.

    01/09/2026.
    O texto do convenio foi publicado no DOG do luns 31 de agosto do 2026

    O texto do convenio foi publicado no DOG do luns 31 de agosto do 2026

    Como xa se avanzara, o convenio establece un incremento salarial do 12 % en tres anos, mediante tres subas anuais do 4 %, e determina que todos os complementos e pluses teñan carácter non absorbible nin compensable. Tamén mellora os pluses de coordinación, asistencia, distancia, dispoñibilidade e prolongación de xornada, así como a compensación polo traballo en domingos e festivos, que pasa de 40 a 60 euros e incorpora un día de descanso.

    Outra das novidades económicas é que a nocturnidade terá unha compensación do 35 % sobre o valor da hora ordinaria. Tamén hai un plus de idiomas do 20 % do salario base, un novo plus de teletraballo de 20 euros e melloras na prima por accidente. Ademais, modifica a fórmula de cálculo da paga de beneficios e reduce de 21 a 18 anos o período necesario para acceder á paga de vinculación.

    En materia de dereitos laborais, o convenio aumenta as vacacións de 32 a 33 días naturais, adapta os permisos á lexislación vixente, recoñece 10 días por falecemento de familiar, regula os asuntos propios con maiores garantías e reduce de 15 a 7 días o prazo de preaviso por cesamento.

    Tamén incorpora medidas específicas en materia de dereitos LGTBIQA+, incluíndo o recoñecemento expreso das persoas trans e non binarias e o uso do nome sentido e dos pronomes escollidos.