Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Setembro 2026.

CCOO alerta da peor evolución do mercado laboral galego respecto do estatal, cunha suba do paro e caída da afiliación á Seguridade Social

    Os datos coñecidos hoxe indican que en agosto o paro rexistrado aumentou en Galicia en 2369 persoas, un 2,5 %, mentres que a afiliación á Seguridade Social, tomando como referencia o último día do mes, diminuíu en 7602 persoas, un 0,7 %. Se atendemos á afiliación media mensual, esta reduciuse en 1467 persoas respecto do mes anterior, un 0,1 %. O incremento do paro foi superior ao rexistrado no conxunto do Estado, onde tamén aumentou o desemprego, mentres que Galicia perdeu afiliación e o Estado creou emprego.

    02/09/2026.
    O mercado laboral galego presenta peores datos en agosto ca a media estatal

    O mercado laboral galego presenta peores datos en agosto ca a media estatal

    En definitiva, a evolución do mercado laboral galego foi peor ca un ano antes. Outros indicadores van na mesma liña: aumenta o desemprego feminino ata triplicar o masculino, o que acrecenta a fenda das mulleres no mercado laboral galego. Ademais, a contratación indefinida diminúe un 31,5 % e a afiliación cae tanto a fin de mes como en valores medios.

    «Se non fose polo inicio do curso escolar e a repunta na contratación na educación, atopariámonos cuns datos alarmantes para o mes de agosto», expón a secretaria de Organización e Políticas Públicas de CCOO, Maica Bouza.

    «E nesta preocupante situación, onde está o Goberno da Xunta?», pregúntase a sindicalista, que critica a aposta do Executivo de Alfonso Rueda por fiar todo o progreso de Galicia ao turismo, desatendendo sectores como a educación, a investigación e o coñecemento, xunto coa industria.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 44 281 homes (+545) e 65 410 mulleres (+1824). Seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres, o que perpetúa a desigual situación de homes e mulleres no mercado laboral. Atendendo ás idades, hai 4785 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (+340) e 104 906 maiores desa idade (+2029).

    O paro diminúe no sector primario en 56 persoas desempregadas e sobe no resto: na industria hai 68 desempregados e desempregadas máis, na construción 111 e 1801 nos servizos. O colectivo sen emprego anterior tamén aumenta en 445.

    Análise da contratación

    En agosto rexistráronse en Galicia 64 195 contratos, dos que 47 757 foron temporais e 16 438 indefinidos. O volume de contratos rexistrados foi inferior nun 24,8 % aos formalizados no mes precedente; a contratación indefinida cae un 31,5 %, mentres que a temporal o fai nun 22,2 %. Con estas cifras, de cada dez contratos rexistrados, só tres son indefinidos —catro de cada dez no Estado.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación cae en 7602 persoas, ata se situar en 1 121 816 afiliados e afiliadas, rexistrando unha contracción do 0,7 % en relación co mes anterior. Pola súa parte, a afiliación media mensual redúcese en 1467 persoas, polo que o número de traballadoras e traballadores afiliados queda en 1 134 483. Deste total, 911 328 corresponden ao réxime xeral, 205 244 ao de autónomos e 17 911 ao réxime especial do mar. Con estas cifras, a afiliación media en Galicia redúcese un 0,1 %.

    Tendo en conta a evolución da afiliación nos réximes xeral e autónomos, constátase que no mes de agosto as actividades en que máis emprego se perde son a hostalaría, con 1458 empregos menos, e a sanidade e servizos sociais, con 995 menos. No polo oposto están a educación (+2647), as actividades profesionais, científicas e técnicas (+1358), outros servizos (+652) e as actividades administrativas (+639).

    Prestacións por desemprego

    En xullo cobraron algún tipo de prestación por desemprego 80 394 persoas. Deste total, 42 337 foron prestacións contributivas e 38 057 subsidios. Por último, canto aos ERTE do mes de agosto, o número de traballadores e traballadoras afectados ascende a 401 persoas a final do mes, das cales 330 estaban en ERTE ETOP e 71 en ERTE de forza maior.