Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

Os salarios non poden volver pagar o aumento extraordinario das marxes do sector enerxético

    As marxes empresariais mantéñense en niveis elevados. Neste trimestre, o principal foco sitúase no sector enerxético, cuxa rendibilidade alcanza novos máximos impulsada polo forte aumento das marxes do refino de petróleo. Neste período, o refino explica por si só case un terzo do incremento dos prezos de venda de todos os sectores recollidos no Observatorio de Marxes Empresariais.

    08/09/2026.
    Para CCOO, España non pode permitirse que unha nova subida dos prezos da enerxía acabe trasladándose ao conxunto da economía

    Para CCOO, España non pode permitirse que unha nova subida dos prezos da enerxía acabe trasladándose ao conxunto da economía

    Así o sinala a análise que realiza periodicamente o Gabinete Económico Confederal de CCOO a partir dos datos estatísticos que ofrecen o dito Observatorio.

    CCOO advirte de que, se persiste o encarecemento da enerxía, podería producirse unha nova presión inflacionista. O sindicato considera que as presións sobre os prezos finais naqueles segmentos nos que as empresas intenten recompoñer as súas marxes poderían xerar unha perigosa inflación subxacente.

    Fenda entre produtividade e salarios

    Entre 2018 e 2026, o que produce de media cada persoa traballadora aumentou un 44 %, mentres que os salarios medios creceron só un 33 %. Ao mesmo tempo, o beneficio bruto que obteñen as empresas por cada persoa asalariada aumentou un 55 %. Para CCOO, estes datos mostran que os salarios seguen medrando por detrás da produtividade e das marxes empresariais, polo que é necesario reducir esta diferenza.

    O sector financeiro tamén alcanza un máximo histórico. En 2025, as entidades financeiras obtiveron 39.724 millóns de euros de marxe, o que equivale ao 29 % dos seus ingresos. É a porcentaxe máis alta da serie histórica e mesmo supera a rexistrada en 2022, cando os tipos de xuro eran moito máis elevados.

    Tamén aumenta a rendibilidade do sector inmobiliario. A marxe sobre as vendas chega ao 31,1 %, por riba do anterior récord. As industrias extractivas alcanzan igualmente un máximo histórico, cunha marxe do 22,3 % nos últimos catro trimestres, fronte ao 14,8 % do ano anterior. Pola contra, as marxes da cadea alimentaria baixan lixeiramente, aínda que continúan por riba dos niveis de 2018 e 2019.

    Para CCOO, España non pode permitirse que unha nova suba dos prezos da enerxía acabe trasladándose ao conxunto da economía e sexan as persoas traballadoras as que paguen as consecuencias a través da perda de poder adquisitivo dos salarios. O sindicato advirte de que as empresas non deben aproveitar o aumento dos custos provocado polas circunstancias xeopolíticas para seguir ampliando unhas marxes que xa se encontran en niveis historicamente elevados.

    CCOO reclama evitar unha nova espiral de prezos e defende manter a senda de crecemento dos salarios, para que as persoas traballadoras sigan recuperando poder adquisitivo e participen de maneira máis xusta na riqueza que xeran.

    Documentación asociada
    Documentación asociada