Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

CCOO, CIG, UGT e USO retoman as mobilizacións no comercio de alimentación da Coruña ante o bloqueo da patronal

    CCOO-Servizos, xunto coa CIG, UGT e USO, mantén as mobilizacións no comercio de alimentación da provincia da Coruña ante o bloqueo da patronal na negociación do convenio colectivo. Tras as tres xornadas de folga desenvolvidas entre o 15 e o 17 de agosto e ante a falta de avances nas últimas reunións da mesa negociadora, as organizacións sindicais retomaron as mobilizacións este xoves e preparan novas xornadas de folga en outubro.

    10/09/2026.
    Protesta na Coruña coincidindo coa reapertura do Gadis de Montealto

    Protesta na Coruña coincidindo coa reapertura do Gadis de Montealto

    A protesta deste xoves, que se prolongou das 9 ás 21 horas, coincidiu coa reinauguración do establecemento e serviu para denunciar publicamente a negativa da patronal a mellorar as condicións laborais do persoal.

    O calendario continuará o martes, 15 de setembro, con dúas novas concentracións no comercio de alimentación da comarca de Ferrolterra. A primeira será no Froiz da rúa de San Amaro, en Ferrol, das 11:00 ás 12:30 horas, e a segunda no Híper Froiz de Narón, das 13:00 ás 14:30 horas.

    Salarios, xornada e antigüidade

    As organizacións sindicais sinalan que estas mobilizacións responden á falta de avances na negociación do convenio e á negativa da patronal a atender as principais reivindicacións do persoal. Reclaman un acordo que permita mellorar os salarios e recuperar o poder adquisitivo perdido, nun sector no que existen traballadoras e traballadores con máis de trinta anos de antigüidade que continúan percibindo salarios mileuristas.

    Denuncian, ademais, a diferenza salarial existente entre o persoal da Coruña e o de Pontevedra dentro dunha mesma empresa. Segundo os catro sindicatos, coa proposta actual da patronal, o persoal da Coruña non alcanzaría as condicións salariais actuais de Pontevedra ata 2029.

    Novas folgas en outubro

    Ante o mantemento do bloqueo, CCOO, CIG, UGT e USO preparan tamén novas xornadas de folga no sector os días 10, 11 e 13 de outubro, co obxectivo de aumentar a presión sobre a patronal e conseguir avances na negociación do convenio colectivo.