Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

Os sindicatos do ensino concertado cifran en máis do 60 % o seguimento da folga

    Os sindicatos do ensino concertado valoran moi positivamente o seguimento da xornada de folga celebrada hoxe, primeiro día da volta ás aulas, que acadou máis dun 60 %. As seis organizacións convocantes (CCOO, FSIE, UGT, FeUSO, SNEP e CIG) consideran que o dato evidencia «o profundo malestar existente no sector» ante o bloqueo da negociación e os «continuos desprezos» da Xunta de Galicia e da Consellería de Educación.

    09/09/2026.
    Mobilización do ensino concertado na primeira xornada do curso escolar (9/9/2026)

    Mobilización do ensino concertado na primeira xornada do curso escolar (9/9/2026)

    Os sindicatos destacan especialmente a participación na folga malia os servizos mínimos impostos pola Consellería de Educación, que cualifican de «abusivos» e que, segundo denuncian, «dificultaron de maneira evidente o exercicio efectivo do dereito á folga».

    Ademais, consideran que estes servizos mínimos supoñen «un agravio comparativo inaceptable» respecto dos que a mesma Consellería aplica nas folgas convocadas no ensino público, evidenciando un trato desigual que as organizacións sindicais aseguran que «non podemos nin imos aceptar».

    A mobilización trasladouse tamén ás rúas das principais cidades galegas, onde milleiros de traballadoras e traballadores participaron nas concentracións convocadas. Os sindicatos destacan especialmente a concentración de Vigo, que cualifican de «multitudinaria» e que consideran unha demostración da «forza, da unidade e da capacidade de mobilización» das persoas traballadoras do ensino concertado galego.

    «Isto é só o comezo»

    Os sindicatos do ensino concertado trasladan á Xunta de Galicia e á Consellería de Educación unha mensaxe «clara e contundente»: «non imos consentir máis desprezos».

    As organizacións sindicais aseguran que non van aceptar «máis bloqueos, máis silencios nin máis falta de respecto» cara ás persoas traballadoras do ensino concertado. Lembran que levan tempo reclamando avances nas súas condicións salariais e laborais e esixindo que se cumpra o acordado.

    Neste sentido, advirten de que o curso se presenta «complicado» se continúan bloqueando o diálogo social e a negociación colectiva. «Se deciden seguir ignorando as demandas das traballadoras e traballadores, atoparán diante un sector unido, organizado e disposto a continuar loitando», sinalan.

    Os sindicatos lembran que o ensino concertado forma parte esencial do sistema educativo galego e que as súas profesionais e os seus profesionais representan preto do 30 % do ensino galego, desenvolvendo cada día un labor imprescindible nos centros.

    «Non aceptamos ser profesionais de segunda», reivindican, ao tempo que esixen «respecto, diálogo, negociación e unhas condicións salariais e laborais dignas».

    A mobilización continuará

    Os sindicatos queren trasladar o seu agradecemento a todas as compañeiras e compañeiros que secundaron a folga, participaron nas concentracións e fixeron posible esta xornada de mobilización.

    CCOO, FSIE, UGT, FeUSO, SNEP e CIG reafirman o seu compromiso de continuar loitando, conxuntamente, pola dignificación das condicións salariais e laborais de todas e todos os profesionais do ensino concertado galego.

    «Esta mobilización non remata hoxe: mañá mesmo comeza unha nova etapa de loita», advirten. As organizacións sindicais instan a Xunta e a Consellería de Educación a decidir se queren «escoitar, dialogar e negociar» ou se prefiren continuar bloqueando o diálogo social e afondando no conflito.

    «Nós témolo claro: non imos parar ata conseguir respecto, diálogo, cumprimento dos acordos e unhas condicións laborais e salariais dignas para todas e todos».