Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

CCOO reivindica o feminismo sindical como ferramenta para combater as desigualdades laborais

    CCOO celebrou hoxe en Vigo a trixésima edición da Xornada Sindical da Muller, un encontro centrado na análise das desigualdades que afectan as mulleres no mercado laboral e na sociedade, así como na necesidade de reforzar a denuncia, a reivindicación e a loita sindical pola igualdade.

    11/09/2026.
    30.ª Xornada Sindical da Muller de CCOO

    30.ª Xornada Sindical da Muller de CCOO

    A xornada desenvolveuse no Hotel Coia de Vigo e contou coa participación de representantes de CCOO, da Inspección de Traballo e Seguridade Social e de distintos sectores profesionais.

    A apertura correu a cargo de Bárbara Fernández Rodríguez, da Secretaría da Muller e Igualdade da Unión Comarcal de CCOO de Vigo.

    Tres décadas de traballo sindical

    María García Barcia puxo en valor as tres décadas de traballo sindical en defensa da igualdade e lembrou que «os dereitos non son agasallos: conquístanse, deféndense e repítense cada día». Ao mesmo tempo, advertiu de que o feminismo, as políticas de igualdade, o colectivo LGTBIQA+ e a clase obreira se enfrontan actualmente a discursos de odio e a intentos de retroceso.

    A sindicalista alertou tamén sobre o incremento da violencia machista entre adolescentes e chamou a manter a atención ante esta realidade. «A última Memoria da Fiscalía Xeral do Estado reflicte un incremento do 26,8 % destas violencias. Debemos estar atentas e atentos», sinalou.

    García Barcia subliñou a necesidade de que toda a organización participe activamente na denuncia das desigualdades e das violencias machistas. «Arroupémonos na loita conxunta», reclamou, ao tempo que defendeu a ocupación do espazo público fronte aos discursos de odio e aos intentos de silenciar a diversidade.

    A responsable de Igualdade de CCOO Galicia defendeu que aínda quedan retos importantes, como acabar coa violencia machista, garantir a igualdade real no acceso ao poder e aos recursos e evitar que ningunha persoa quede á marxe polo seu xénero, a súa orixe ou a súa identidade.

    A fenda de xénero e os sectores feminizados

    O programa incluíu unha análise sobre a orixe e a situación actual da fenda de xénero, a cargo da inspectora de Traballo e Seguridade Social, Mónica González Otero.

    A xornada tamén puxo o foco nos sectores feminizados en conflito, cunha mesa na que participaron unha delegada sindical de CCOO no sector da educación infantil, Raquel Carballo Coello; outra do sector da limpeza hospitalaria, Violeta Paz Díaz, e Ana Callejo García en representación do sector do mar.

    As intervencións permitiron abordar as dificultades específicas que afrontan as traballadoras en diferentes ámbitos profesionais e a importancia da organización sindical para visibilizar as desigualdades e defender mellores condicións laborais.

    Avances, pero tamén traballo pendente

    Outro dos bloques da xornada estivo dedicado aos dereitos acadados durante as últimas décadas e á situación actual das políticas de igualdade. Nesta sesión participaron a consultora e formadora en materia de igualdade, Priscila Retamozo Ramos, e Jorge Diz Ferreira, da Secretaría de Políticas de Igualdade e LGTBIQA+ de CCOO-Ensino.

    O encontro rematou cun obradoiro de defensa persoal, impartido por persoal do ximnasio Simón, e coas conclusións e clausura a cargo da secretaria xeral da Unión Comarcal de CCOO de Vigo, Montserrat Carrera Leirós.