Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

CCOO advirte de que Ence estará «abocada ao peche» se non se executan os investimentos do Plan Avanza

    O comité de empresa de Ence concentrouse este venres con motivo da visita da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, á fábrica de Pontevedra para avaliar o proxecto de aproveitamento das augas residuais procedentes da depuradora dos Praceres. O comité, presidido por CCOO, reclama que os investimentos comprometidos no marco do Plan Avanza se executen e se convertan nunha realidade. Do contrario, advirte de que a factoría estará «abocada ao peche».

    11/09/2026.
    Protesta do comité de empresa de Ence en Pontevedra para esixir o cumprimento do Plan Avanza

    Protesta do comité de empresa de Ence en Pontevedra para esixir o cumprimento do Plan Avanza

    Para a representación do persoal de Ence, o proxecto de recuperación de augas da depuradora dos Praceres supón un «fito tecnolóxico», ao tratarse dunha «iniciativa sen precedentes» na industria da pasta de papel. Desde o comité de empresa agradeceron a colaboración e o «arduo traballo» de todo o persoal implicado no desenvolvemento deste proxecto, que permitiu que saíra adiante e que a fábrica puidera manter a súa actividade.

    Porén, o comité coida que este avance debe ir acompañado da execución dos investimentos previstos no Plan Avanza. Trátase dun plan que a representación dos traballadores leva anos reclamando e que, ao seu xuízo, resulta «imprescindible» para modernizar as instalacións, reforzar a competitividade da planta e garantir o seu futuro industrial.

    «Levamos moitos anos esperando por un plan que permitiría converter a fábrica de Pontevedra nun referente industrial, garantindo o seu futuro e a xeración de emprego na comarca», subliñou o delegado de CCOO e presidente do comité de empresa, Santiago Cerqueiro.

    Para o voceiro de Comisións Obreiras, a falta de investimento compromete a continuidade da actividade. «Se seguimos sen executar os investimentos comprometidos, deixaremos de ser competitivos e estaremos abocados ao peche», insistiu o sindicalista.

    O comité reclamoulle tanto á dirección de Ence como á Xunta de Galicia que actúen «con responsabilidade» e impulsen as actuacións necesarias para asegurar o futuro industrial da fábrica, o mantemento dos postos de traballo e a actividade económica vinculada á planta na comarca de Pontevedra.