Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

O persoal do comercio de alimentación convoca unha gran manifestación este domingo na Coruña

    CCOO-Servizos, xunto coa CIG, UGT e USO, celebrou este martes, 15 de setembro, dúas concentracións no comercio de alimentación da comarca de Ferrol para denunciar o bloqueo da patronal na negociación do convenio colectivo e reclamar melloras salariais e laborais para o persoal. Estas accións son a antesala da gran manifestación convocada para este domingo, 20 de setembro, na Coruña.

    15/09/2026.
    Concentración do comercio de alimentación diante dun establecemento Froiz na comarca de Ferrol (15/9/2026)

    Concentración do comercio de alimentación diante dun establecemento Froiz na comarca de Ferrol (15/9/2026)

    Concentracións en Narón e Ferrol

    A primeira acción tivo lugar no Froiz da rúa de San Amaro, en Ferrol, das 11:00 ás 12:30 horas. Posteriormente, os sindicatos concentráronse no Híper Froiz de Narón, das 13:00 ás 14:30 horas. Con estas protestas, as organizacións sindicais deron continuidade ao calendario de mobilizacións ante a falta de avances nas reunións da mesa negociadora.

    O voceiro de CCOO, José Ramón Romero, explicou que as concentracións serviron para denunciar o bloqueo no que a patronal mantén a negociación do convenio e para reclamar avances que permitan mellorar as condicións de vida e de traballo do persoal. Neste sentido, esixiu unha mellora salarial que lle permita ao persoal «chegar a fin de mes dun xeito digno» e unha redución da xornada laboral anual que contribúa a aliviar as elevadas cargas de traballo, detrás das que se atopan numerosas baixas e problemas de saúde tanto físicos como mentais.

    As concentracións deste martes dan continuidade á realizada o pasado xoves, 10 de setembro, no Gadis coruñés de Montealto, que se prolongou durante doce horas, e á que haberá o próximo domingo, día 20.

    Salarios, xornada e antigüidade

    As organizacións sindicais sinalan que estas mobilizacións responden á falta de avances na negociación do convenio e á negativa da patronal a atender as principais reivindicacións do persoal. Reclaman un acordo que permita mellorar os salarios e recuperar o poder adquisitivo perdido, nun sector no que existen traballadoras e traballadores con máis de trinta anos de antigüidade que continúan percibindo salarios mileuristas.

    As centrais esixen tamén avances en materia de xornada, conciliación e antigüidade, así como a eliminación da diferenza salarial existente entre o persoal da Coruña e o de Pontevedra dentro dunha mesma empresa. Segundo CCOO, CIG, UGT e USO, coa proposta actual da patronal, o persoal da Coruña non alcanzaría as condicións salariais actuais de Pontevedra ata 2029.

    Manifestación na Coruña o 20 de setembro e novas folgas en outubro

    José Ramón Romero fixo tamén un chamamento a todo o persoal do sector para participar nunha gran manifestación convocada este domingo, 20 de setembro, na Coruña. A mobilización comezará ás 12:00 horas na praza traseira do centro comercial Os Castros.

    O voceiro de CCOO asegurou que a manifestación debe servir para trasladarlle á patronal que «non hai volta atrás» nas reivindicacións do persoal e para reclamar que se repartan os «enormes beneficios» que acumulan as empresas, en lugar de manter os cadros de persoal no salario mínimo interprofesional.

    Se a patronal non rectifica a súa postura, no mes de outubro haberá novas xornadas de folga no sector.