Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

O Tribunal de Contratación dálle a razón a CCOO e obriga a corrixir os pregos da licitación da axuda no fogar de Burela

    O TACGal impón que se desagreguen os custos salariais para comprobar que se axustan ao estipulado no convenio colectivo e Comisións reivindica que a «acción sindical tamén se fai defendendo os dereitos das traballadoras e traballadores nos procesos de contratación pública».

    18/09/2026.
    Extracto da resolución do TACGal.

    Extracto da resolución do TACGal.

    O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) acaba de estimar o recurso presentado por CCOO do Hábitat Galicia contra os pregos de contratación do servizo de axuda no fogar do Concello de Burela, debido a que non se desagregaban os custos de licitación. En particular, non se detallaban os custes de persoal, de xeito que non se podía comprobar se os salarios estaban axustados ao convenio colectivo de aplicación.

    A resolución, asinada o 17 de setembro, esgota a vía administrativa e obriga a corrixir esta eiva. O TACGal lémbralle ao Concello de Burela que «o orzamento debe aparecer debidamente desagregado nos documentos de licitación, indicando os custes directos e indirectos, máis outros posibles gastos». Neste caso, non se especificaba nada disto, nin tampouco existía unha estimación dos gastos de persoal, «que debe permitir a súa confrontación co convenio colectivo de aplicación para comprobar a súa corrección».

    A iniciativa de CCOO do Hábitat permitirá, unha vez se ofrezan os datos conforme ao ditado polo TACGal, comprobar que o orzamento é abondo para afrontar os salarios estipulados por convenio, evitando así que se poñan en risco as condicións laborais das persoas traballadoras que vaian prestar o SAF. «A acción sindical tamén se fai defendendo os dereitos das traballadoras e traballadores nos procesos de contratación pública», lembra Comisións Obreiras, que logrou esta vitoria froito do seu traballo rigoroso.

    A resolución do Tribunal de Contratación, fronte as alegacións do Concello de Burela, tamén reafirma a «clara» lexitimación do sindicato para presentar o recurso, xa que se trataba de cuestionar as magnitudes económicas da licitación en relación aos custos salariais do persoal.

    Documentación asociada
    Documentación asociada