Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

CCOO cuestiona o discurso da Xunta sobre a «escaseza de talento» e reclama mellores condicións salariais e laborais

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia cuestiona o discurso da Xunta sobre a suposta «escaseza de talento» e advirte de que o verdadeiro problema do mercado laboral galego non é a falta de profesionais nin de formación, senón «a precariedade estrutural e as baixas retribucións que ofrece a patronal». Así o afirma a secretaria de Organización de CCOO, Maica Bouza, en resposta ás recentes declaracións da Xunta sobre as vacantes laborais e á presentación dun novo e «pioneiro» plan de formación para o emprego.

    18/09/2026.
    CCOO respóndelle á Xunta que non falta persoal, faltan boas condicións de traballo

    CCOO respóndelle á Xunta que non falta persoal, faltan boas condicións de traballo

    Nun acto en Vigo, desde a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego púxose énfase nas 11 779 vacantes laborais existentes en Galicia —segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE)—. Non obstante, CCOO chama a atención sobre o feito de que o propio informe do IGE sinala que máis do 80 % das empresas galegas non teñen ningunha vacante e que o principal motivo para non contratar é que a súa actividade actual non o require.

    Porén, nos sectores onde hai postos sen cubrir, CCOO subliña que o problema non é a falta de profesionais, senón as condicións que se ofrecen: «non falta talento, faltan condicións atractivas», afirma Bouza. A sindicalista critica que se pretenda solucionar problemas estruturais de sectores enteiros «mediante parches». Esta fórmula, ao seu xuízo, supón poñer a formación pública «ao servizo inmediato e gratuíto das necesidades conxunturais das empresas», en lugar de garantir cualificacións estables, sólidas e con dereitos de futuro.

    Por iso, reclama actuar sobre as condicións dos postos para facilitar a captación e retención de persoal. «As vacantes cóbrense con salarios dignos», resume a secretaria de Organización, que reclama mellores condicións salariais e laborais, estabilidade no emprego e xornadas compatibles coa vida. «Se de verdade queren fixar poboación e cubrir vacantes, a fórmula é sinxela: mellores condicións salariais e laborais», subliña a sindicalista.

    Por outra parte, CCOO aféalle á Xunta que o plan anunciado en Vigo non consta que fose negociado con ningunha organización sindical, polo que considera que se trata dunha proposta unilateral do Goberno galego. Ao respecto, Maica Bouza sinálalle ao Goberno galego que as políticas activas de emprego «non poden deseñarse unicamente escoitando os foros empresariais».

    CCOO rexeita a instrumentalización das persoas migrantes

    Así mesmo, CCOO cuestiona as estratexias anunciadas pola Xunta para atraer traballadoras e traballadores do exterior, especialmente de América Latina, así como o uso dos plans de retorno. Canto a isto último, a sindicalista considera contraditorio falar de «captación» cando miles de mozos e mozas galegas cualificadas, moitas delas en áreas STEM, vense na obriga de emigrar cada ano polas condicións que atopan no mercado laboral galego.

    Respecto da chegada de traballadores e traballadoras de terceiros países, CCOO reclama que non se utilice como unha estratexia patronal para presionar os salarios á baixa nin para cubrir os postos que a poboación local rexeita debido ás súas condicións, como ocorre na hostalaría ou no sector primario. «Calquera contratación en orixe ou regularización debe ir ligada ao cumprimento estrito dos convenios colectivos», afirma Bouza.

    CCOO reclama tamén que o programa aprobado polo Consello da Xunta para as persoas acollidas á regularización extraordinaria non se converta nunha «vía de financiamento indirecto da contratación precaria mediante subvencións». Para o sindicato, a integración laboral das persoas migrantes debe ir acompañada dunha Inspección de Traballo rigorosa que persiga a explotación laboral e a economía somerxida.

    Para Comisións Obreiras, a formación debe responder ás necesidades reais das persoas traballadoras e do tecido produtivo, pero non pode converterse nun instrumento ao servizo exclusivo das empresas. A Xunta debe garantir que as políticas activas de emprego melloren as oportunidades laborais, favorezan a cualificación e permitan acceder a postos de traballo estables e ben remunerados.