Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

CCOO de Galicia expresa o seu pesar polo pasamento de Leonardo Dopico, histórico do sindicalismo e da loita antifranquista

    Participou na organización das Comisións Obreiras de Ferrol na clandestinidade e foi membro da Executiva Nacional nos anos 80.

    21/09/2026.
    Leonardo Dopico, na foto que ilustra o seu perfil en 'Biografías obreiras de Ferrol'.

    Leonardo Dopico, na foto que ilustra o seu perfil en 'Biografías obreiras de Ferrol'.

    CCOO de Galicia expresa o seu pesar polo pasamento de Leonardo Dopico Vázquez (Narón, 1948-Xixón, 2026), que contribuíu á organización do sindicato na clandestinidade e que tamén se significou na loita contra a ditadura de Francisco Franco. Comisións Obreiras transmítelle á súa familia e aos seus achegados a súas condolencias polo falecemento, ocorrido o pasado 10 de setembro na cidade asturiana onde residiu as últimas décadas da súa vida.

    Leonardo Dopico, que ademais de delegado sindical en Astano foi membro da Executiva Nacional de CCOO nos anos 80, comezou a súa militancia política e sindical en Francia, onde emigrara cos 17 anos, tal e como se narra no segundo volume das Biografías obreiras de Ferrol, editado pola Fundación 10 de Marzo. Porén, non tardou en volver a Ferrol para involucrarse na actividade política e sindical contra o réxime, como militante do Partido Comunista e das Comisións Obreiras. Lembra, nese senso, que abandonou un traballo moito mellor remunerado polo seu compromiso coa liberdade, a democracia e a loita obreira.

    A súa fonda implicación non pasou inadvertida para as forzas do réxime, que o detiveron en varias ocasións e mesmo sufriu torturas durante o primeiro deses arrestos, en 1973. Durante dous anos estivo fugado, período en que faleceu o seu pai.

    Da súa etapa sindical en Astano, ademais do seu papel na organización das folgas e na propaganda, é de salientar a súa implicación no comité de seguridade e hixiene, un órgano fundamental para mellorar a saúde laboral e a prevención de riscos nunha época en que os accidentes graves e mortais eran aínda máis frecuentes que hoxe en día.

    Amigo ata o final de Santiago Carrillo e doutro histórico ferrolán como Rafael Pillado, a finais dos 80 marcha a Asturias para organizar o Partido dos Traballadores, fundado polos carrillistas logo de seren expulsados do PCE. Finalmente, acabaría ingresando no PSOE asturiano, no que desempeñou distintos cargos ata que decidiu darse de baixa por discrepancias coa liña política. En cambio, sempre mantivo a súa afiliación ás Comisións Obreiras, ademais de implicarse en distintas loitas veciñais en Xixón. «Leo, militante pola xustiza e a liberdade», rezaba a súa necrolóxica. Descanse en paz.