Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

Milleiros de persoas manifestáronse na Coruña a prol dun convenio xusto no comercio de alimentación

    O persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña levou este domingo ás rúas da capital provincial o conflito polo convenio colectivo. Milleiros de persoas participaron na manifestación convocada por CCOO, CIG, UGT e USO para reclamar avances na negociación e unhas condicións laborais e salariais acordes coa realidade do sector.

    21/09/2026.
    Multitudinaria manifestación da Coruña en defensa dun convenio xusto para o comercio de alimentación (20/9/2026)

    Multitudinaria manifestación da Coruña en defensa dun convenio xusto para o comercio de alimentación (20/9/2026)

    O portavoz de CCOO no sector, José Ramón Romero, subliñou o «orgullo» do sindicato por «vermos as rúas da Coruña cheas». Destacou tamén que a elevada participación na mobilización se produce despois de tres meses de reunións, mobilizacións e diversas xornadas de folga sen avances suficientes para alcanzar un acordo.

    Entre as principais reivindicacións figuran a recuperación e mantemento do poder adquisitivo, a redución da xornada anual, a mellora da conciliación da vida laboral e persoal e unhas condicións económicas e sociais máis favorables. Desde os sindicatos sinalan que as propostas presentadas pola patronal, encabezada por Gadis e Froiz, non dan resposta ás principais demandas da parte social.

    Romero criticou tamén a negativa das empresas a mellorar a súa proposta mentres manteñen importantes beneficios. O portavoz de CCOO reclamou que unha parte deses resultados se destine tamén á mellora das condicións das persoas traballadoras, que, segundo sinalou, afrontan dificultades para chegar a fin de mes con salarios insuficientes.

    Grandes diferenzas entre A Coruña e Pontevedra

    CCOO puxo o foco, ademais, na diferenza entre as condicións do convenio provincial da Coruña e as existentes no comercio de alimentación da provincia de Pontevedra. Romero explicou que Gadis e Froiz, empresas presentes nos dous territorios, aplican condicións económicas moi distintas segundo a provincia, que poden chegar aos 4000 euros anuais nalgúns casos.

    Para o sindicato, esta diferenza evidencia a marxe existente para mellorar as condicións do persoal do comercio de alimentación coruñés, como por exemplo a equiparación do complemento de antigüidade.

    O conflito continuará en outubro

    A manifestación serviu para expresar a unidade do persoal e reclamarlle á patronal que dea pasos para desbloquear a negociación. CCOO, CIG, UGT e USO reiteran a súa disposición a continuar negociando, pero advirten de que, sen avances reais, o conflito continuará coas novas xornadas de folga previstas para os días 10, 11 e 13 de outubro.