Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

CCOO-Ensino rexeita poñer baixo sospeita o persoal educativo en situación de incapacidade temporal

    As recentes declaracións do conselleiro de Educación sobre as baixas do profesorado introducen, para a Federación de Ensino de CCOO, un «enfoque desacertado» ao vincular os problemas de cobertura de persoal, especialmente ao inicio do curso, coas incapacidades temporais. O sindicato considera necesario coñecer cantos dos postos que foi preciso cubrir nestas primeiras semanas corresponden realmente a incapacidades temporais e cantos responden a permisos, excedencias, reducións de xornada ou outras situacións administrativas.

    22/09/2026.
    A Xunta pon 'baixo sospeita' o persoal educativo

    A Xunta pon 'baixo sospeita' o persoal educativo

    Para CCOO-Ensino, se existen dificultades para cubrir substitucións, a Administración debe actuar sobre os procedementos de cobertura e analizar as causas das incapacidades temporais, en lugar de cangar a responsabilidade nas persoas que están de baixa.

    O sindicato recoñece as dificultades para cubrir un volume elevado de substitucións en períodos concretos, sobre todo nas primeiras semanas do curso. O actual sistema de chamamentos telefónicos «presenta limitacións cando debe xestionar simultaneamente un número elevado de postos», sinala.

    Precisamente por iso, no marco do Acordo sobre persoal interino e substituto, CCOO-Ensino e o resto das organizacións asinantes conviñeron coa Consellería en implantar un novo sistema telemático de chamamentos mediante unha aplicación web. Prevese que o novo sistema estea operativo a comezos de 2027. Mentres tanto, o sindicato reclámalle á Administración que «optimice os mecanismos actuais e adopte as medidas organizativas necesarias» para reducir os tempos de cobertura.

    Analizar por que se producen as baixas

    CCOO-Ensino lembra que unha incapacidade temporal deriva dunha decisión médica e está sometida aos mecanismos legais de seguimento e control. «Non hai discusión: as baixas prescríbeas persoal facultativo», sinala a secretaria xeral da Federación de Ensino de CCOO, Noelia Sánchez Vaamonde, que encadra as declaracións do conselleiro na «estratexia xeral da Xunta de Galicia de estigmatizar as persoas traballadoras».

    Para a responsable sindical, o debate non debe centrarse exclusivamente na duración dos procesos, senón tamén en «analizar por que se dan esas baixas e que pasa no sistema de saúde para que duren o que duran». Este enfoque debe levar tamén a analizar as condicións en que desenvolve o seu traballo o persoal educativo, incluídas a carga de traballo, as ratios, a atención á diversidade e as situacións de sobrecarga profesional.

    Precisamente, CCOO-Ensino leva anos negociando medidas para mellorar as condicións laborais, reducir ratios e reforzar os recursos dos centros. «A prioridade para a Xunta debería ser garantir que nos centros de ensino haxa persoas traballadoras sas e nas mellores condicións para levaren a cabo o seu traballo», afirma a secretaria xeral de CCOO-Ensino.

    Para o sindicato, tamén debe terse en conta o funcionamento do sistema sanitario, pois os tempos de espera para determinadas consultas, probas diagnósticas, tratamentos ou especialistas poden prolongar procesos de incapacidade temporal.

    Por iso, CCOO-Ensino defende que reducir as incapacidades temporais depende da prevención, da mellora das condicións de traballo e dunha atención sanitaria capaz de diagnosticar e tratar con rapidez, e non de apremar as persoas enfermas para que se reincorporen antes de tempo.

    CCOO non apoiou o plan da Xunta sobre incapacidade temporal

    Esta posición está tamén na base da decisión de CCOO de non apoiar o Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, acordado pola Xunta coa Confederación de Empresarios de Galicia e UGT, e anunciado o pasado 7 de agosto.

    CCOO coida necesario coñecer as medidas concretas que se desenvolverán, as garantías que incorporarán e os recursos destinados á súa aplicación. O sindicato cuestiona que se poidan abordar as incapacidades temporais desde unha visión que poña o foco nas persoas traballadoras sen analizar antes as causas dos procesos.