Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

CCOO condena o ataque con pintadas e adhesivos neonazis contra a sede da Cruz Vermella en Ferrol

    A Unión Comarcal de CCOO de Ferrol condena o ataque sufrido pola sede da Cruz Vermella na cidade, que apareceu con pintadas e adhesivos de contido neonazi e xenófobo, con lemas como «remigración», «protexe a túa patria», «España para os españois» ou «raza», atribuídos ao colectivo de ultradereita Núcleo Nacional.

    22/09/2026.
    CCOO condena as mensaxes neonazis e os discursos do odio

    CCOO condena as mensaxes neonazis e os discursos do odio

    CCOO considera «intolerable» o ataque contra unha entidade que desenvolve un labor de atención ás persoas en situación de vulnerabilidade e que representa valores de solidariedade, inclusión e convivencia. Para o sindicato, os feitos non afectan unicamente á Cruz Vermella, senón que constitúen un ataque contra os valores democráticos e solidarios da sociedade ferrolá.

    Desde o sindicato exprésase a súa solidariedade co persoal traballador, o voluntariado e as persoas usuarias da Cruz Vermella e poñen en valor o traballo que desenvolve a entidade nos ámbitos da inclusión, o emprego, a saúde e as emerxencias.

    Petición de unidade ás forzas políticas

    CCOO reclama unha investigación dos feitos que permita identificar as persoas responsables materiais e intelectuais e considera que deben ser analizados como un posible delito de odio. Fai tamén un chamamento á unidade das forzas políticas, sindicais e sociais da comarca para facer fronte á normalización de discursos racistas, machistas e totalitarios.

    Por último, Unión Comarcal de CCOO de Ferrol salienta que non permanecerá impasible ante a proliferación de grupos deste tipo nos barrios e centros de traballo e defende responder fronte aos discursos de odio con «máis democracia, máis convivencia e máis dereitos laborais e sociais»