Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

CCOO acode ao acto de homenaxe aos presos do penal de San Simón e San Antón e de reparación das Mariñas

    A secretaria xeral, Amelia Pérez, asiste xunta Emilio Crespo, da Fundación 10 de marzo.

    24/09/2026.
    Amelia Pérez e Emilio Crespo, durante o acto.

    Amelia Pérez e Emilio Crespo, durante o acto.

    A secretaria xeral de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, e o membro da Fundación 10 de Marzo Emilio Crespo asistiron esta mañá ao acto de homenaxe aos presos do penal de San Simón e San Antón e de reparación das Mariñas, a rede de mulleres que durante o tempo en que as illas funcionaron como centros de represión franquista axudaron clandestinamente aos alí encarcerados.

    Unha vez que estas illas da ría de Vigo foron declaradas como lugar de memoria democrática, o pasado mes de agosto, este evento organizado polo Goberno central e polo Concello de Redondela vén a reivindicar «as vidas sepultadas baixo unha lousa de indiferenza imperdoable e trata de saldar a débeda de gratitude que o noso país aínda ten coas persoas que se comprometeron cunha España democrática». Comisións Obreiras comparte a necesidade de xustiza e reparación para os que pagaron coa súa liberdade e a súa saúde —e mesmo coa súa vida— por enfrontarse a tiranía ultradereitista.

    Durante a homenaxe repartíronse pequenas biografías dalgúns dos presos recluídos en San Simón e San Antón, como Diego San José De la Torre, Segundo Freire Rivas, Manuel Blanco Camiña ou Alfonso Moreda Vázquez, falecido na propia cadea en 1939. Para rematar o acto, desvelouse a placa de Lugar de Memoria Democrática e realizouse unha ofrenda floral.