Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

CCOO-Ensino reclama que o acordo sobre o galego se traduza nun cambio real nas aulas

    CCOO-Ensino valora os avances que poida supoñer o acordo anunciado polo PPdeG e o PSdeG para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), pero considera que o seu alcance é insuficiente para responder á evolución do uso do galego e reclama que a futura norma se traduza en cambios efectivos nas aulas. O sindicato salienta que o acordo debe ser valorado polo seu contido concreto e, sobre todo, polos resultados que acade no sistema educativo.

    25/09/2026.
    Porcentaxe de persoas segundo o uso e coñecemento do galego. Fonte: IGE.

    Porcentaxe de persoas segundo o uso e coñecemento do galego. Fonte: IGE.

    A organización lembra que os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) amosan un descenso da proporción de persoas que falan sempre ou maioritariamente galego entre 2018 e 2023, especialmente acusado entre a poboación máis nova. Segundo os datos recollidos por CCOO-Ensino, entre a poboación de 5 a 14 anos esa proporción pasou do 26,12 % en 2018 ao 16,19 % en 2023.

    Un acordo que debe traducirse nas aulas

    CCOO-Ensino considera positivo que o acordo abra a porta á impartición de materias científicas e tecnolóxicas en galego e prevexa un seguimento anual, pero advirte de que non abonda con establecer porcentaxes de uso das linguas.

    O sindicato lembra que o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en 2004, concibía o 50 % da docencia en galego como un mínimo e propuña ampliar a presenza da lingua en materias como Matemáticas e Tecnoloxía. Posteriormente, o Decreto 79/2010, para o plurilingüismo no ensino non universitario, modificou ese enfoque e estableceu, entre outras cuestións, a impartición obrigatoria en castelán de determinadas materias.

    Permitir medidas de acción positiva

    Para CCOO-Ensino, a futura norma debe permitir medidas de acción positiva a favor do galego e adaptalas á realidade lingüística de cada centro e da súa contorna. O sindicato considera que manter unha porcentaxe fixa e trasladar aos centros a responsabilidade de distribuír as materias non garante por si só unha recuperación efectiva do uso da lingua.

    Neste sentido, CCOO-Ensino reclama eliminar as restricións que impiden impartir determinadas materias en galego, garantir a presenza da lingua na formación profesional e nas ensinanzas artísticas e deportivas así como facilitar formación, materiais e recursos para o profesorado. Tamén pide comprobar o cumprimento efectivo das linguas de impartición e avaliar tanto a competencia como o uso do galego por parte do alumnado.

    CCOO-Ensino participou no proceso de actualización

    CCOO-Ensino participou no proceso de actualización do PXNLG promovido pola Xunta coa intención de defender as súas propostas nos espazos en que existise esa posibilidade, se ben esta foi limitada.

    Doutra banda, a Federación de Ensino de CCOO reitera o seu compromiso coa plataforma Queremos Galego e coa iniciativa lexislativa popular Lingua Vital, presentada no Parlamento hai poucos días. Por último, recalca que calquera avance na normalización lingüística ha contar con garantías para a súa aplicación efectiva e non quedar reducido a declaracións de intencións.