Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

28 de setembro - Día de acción global polo acceso ao aborto legal e seguro

    Dado que o aborto inseguro e ilegal xera un grave problema de saúde pública, dereitos humanos, xustiza social e equidade de xénero, as demandas dos movementos sociais (coa intensa loita do feminismo á cabeza, para lles outorgar ás mulleres capacidade de decisión sobre os seus propios corpos) fixeron que, en España, a interrupción voluntaria do embarazo (en diante, IVE) aparecera por primeira vez na lexislación en 1985 (iso si, con notables restricións).

    25/09/2026.
    Cartel de CCOO polo Día de acción global polo aborto legal, seguro e accesible

    Cartel de CCOO polo Día de acción global polo aborto legal, seguro e accesible

    Tamén as reivindicacións mundiais se foron sucedendo ata que, en 1990, a Asemblea do movemento feminista latinoamericano instaura o 28 de setembro como Día de reivindicación global por un aborto legal e seguro.

    Malia os numerosos acosos que sufrirán as feministas por mor da reacción das dereitas e ultradereitas ás súas demandas de mellora da lexislación ao longo dos anos, os movementos feministas, entre eles o sindicalismo feminista das CCOO, non fraquearon nunca na súa reivindicación de xustiza. Pasando pola lei de prazos ata a actual normativa que recoñece que a sanidade pública debe dar acceso a un IVE seguro ás mulleres que o necesiten, forneceuse a loita polo dereito de todas as mulleres a decidiren sobre a propia maternidade e sobre o propio corpo. A reivindicación céntrase no acceso a un aborto legal, libre, seguro e, nos últimos anos, tamén gratuíto (tras facerse patente a dobre discriminación e a inseguridade que poden sufrir as mulleres en situación de vulnerabilidade). As demandas xirarán arredor de varios eixes imprescindibles: educación e legalidade pero, sobre todo, accesibilidade e xustiza.

    Denegarlles ás mulleres o acceso á súa saúde sexual e reprodutiva e a decidir libre e responsablemente sobre a súa maternidade representa unha vulneración directa duns dereitos que a ONU e o Consello de Europa xa cualificaron de dereitos humanos, así como un ataque frontal contra a liberdade, a dignidade e a integridade das mulleres, isto é, trátase dun acto discriminatorio e violento contra as mulleres.

    Así, este sindicato avoga polo dereito efectivo ao aborto para todas, sen exclusións. Loitamos polos dereitos sexuais e reprodutivos, por iso reivindicamos a implantación dunha educación sexual-afectiva que favoreza o consentimento e a decisión propia, o acceso a métodos anticonceptivos seguros e accesibles para non ter que abortar e, finalmente, de prevalecer a necesidade de abortar, que a IVE sexa legal e segura, na sanidade pública e gratuíta, coa finalidade de erradicar as mortes de nenas e mulleres que se producen na práctica de abortos ilegais. 

    Aínda que a lexislación actual responde ás demandas lexítimas de decidir sobre o propio corpo —decisión entendida como un dereito humano inviolable—, porén as restricións, mesmo a volta á ilexitimidade do aborto, continúan a estar no núcleo das propostas máis rancias e machistas da política (en España e no resto do mundo, onde levamos uns anos asistindo a retrocesos importantes nas lexislacións ao respecto), nun claro efecto de desvalorización da vida das mulleres ou nenas embarazadas.

    En España, esas forzas políticas non só restrinxiron a lexislación, senón que seguen tentando modificala para recortala aínda máis.

    CCOO defende a formación e prevención en saúde sexual integral e reprodutiva, libre de estereotipos sexistas e LGTBIQA+fóbicos. En especial, cremos que o fomento dunha educación afectivo-sexual que desenvolva actitudes de corresponsabilidade persoal e social entre as persoas e organizacións que compoñen a nosa sociedade promoverá que o aborto se converta no último recurso, pero que, se for preciso, se poida exercer de maneira legal, segura e gratuíta, tamén con protección para as persoas do ramo sanitario que o practiquen.

    Desde o Gabinete de Igualdade do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, en colaboración coa Secretaría de Mulleres, Políticas de Igualdade e LGTBIQA+, mantemos o noso firme compromiso de denuncia fronte aos prexuízos dun sector da comunidade médica e de certas tendencias políticas que chocan frontalmente coa finalidade da lexislación vixente.

    Amais, CCOO vén denunciando que nin sequera se está a cumprir a lexislación actual con todas as garantías e de maneira equitativa en todas as comunidades autónomas.

    En concreto, en Galicia solicitámoslle ao Goberno da Xunta de Galicia explicacións e transparencia sobre a aplicación da lexislación, en especial no relativo ás listaxes de obxección de conciencia, medios materiais e humanos nos centros médicos, etc.; chegamos a denunciar hai uns anos tanto a inexistencia da devandita listaxe como o desvío de cuantiosos fondos para a práctica dos IVE en entidades privadas (a Xunta alegaba escaseza de recursos humanos nos centros médicos públicos).

    Por todo isto, CCOO participará nas actuacións deste 28 de setembro a prol do acceso ao aborto libre e seguro en todo o mundo (en España, accesible en igualdade de condicións para todas as nenas e mulleres na sanidade pública e en igualdade de condicións en todas as comunidades). 

    Aproveitamos para facer un chamamento á participación nas distintas mobilizacións que convoquen o movemento feminista e as organizacións sociais así como a exercer accións de activismo en redes sociais.

    POLO DEREITO A DECIDIR!

    ABORTO LIBRE, SEGURO E NA SANIDADE PÚBLICA XA!